Chama a atención a reportaxe sobre Michael Martin, ese home que vivía nun caixeiro compostelán e que agora seica pode ser protagonista na Feira do Libro de Frankfurt porque vén de recoller nun libro autobiográfico unha vida ateigada de drogas e alcohol, un pasado duro que atopa na literatura a súa salvación. A súa historia tróuxome á cabeza a de Carlos Flores, un autor mexicano que coñecín hai xa uns cantos anos nunha xuntanza de escritores. A súa sona no seu país non viña tanto polo éxito da súa literatura como pola decisión de se declarar en folga de fame diante da editora coa que asinara un contrato para a publicación dun libro de relatos que non remataba de saír do prelo. Como a súa teimosía non acadaba o resultado desexado, o escritor dobrou a aposta e convocou a prensa para un día concreto en que prometía a amputación dun membro do seu corpo. Despois cociñaríao á mexicana e comeríao diante do público presente. A consecuencia desta «ameazadora intervención» logrou en parte o obxectivo porque, logo de que varios escritores de prestixio o apoiasen publicamente, a editora chegou a un acordo económico con el para indemnizalo. Nin que dicir ten que ese ano el tamén foi protagonista da Feira do Libro, pero apañou sona de autor apestado. A partir de entón ningunha editora lle quixo publicar os seus textos porque el gustaba de reclamar os seus dereitos.
O caso de Michael Martin é, dalgún xeito, inverso, porque dende a mendicidade compostelá accede a unha editora, algo que se lle negou a Carlos Flores, que agora seica imprime os seus libros para os vender dun xeito case mendicante polas rúas de México, contando unha e outra vez unha historia onde nunca aclara cal era o membro escollido para a amputación.