Ter conta da lingua

OPINIÓN

18 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas campañas electorais é habitual que conmilitóns doutras latitudes se ofrezan para botar unha man. Normalmente trátase de persoas apreciadas, mesmo solicitadas desde as delegacións locais do partido. Noutros casos, os menos, hai voluntarios pouco coñecidos que se presentan sen previo aviso, que non achegan gran cousa, e que acoden movidos pola boa fe ou, cando o resultado previsible é bo, para poder darse un pouco de proa diante dos seus amigos cando volven á casa. Hai xa varios anos, tocoulle a un prezado compañeiro do noso grupo parlamentario organizarlle un acto improvisado a un descoñecido eurodeputado que avisara o día antes da súa chegada a Galicia. Recolleuno no aeroporto co seu coche, e, camiño da vila costeira na que organizara un encontro con simpatizantes, recibiu unha chamada telefónica do responsable da coordinación dos que viñan colaborar na campaña. O meu amigo acababa de instalar no coche un sistema de mans libres e aínda non o controlaba, así que a voz de quen chamaba saltou aos altofalantes sen que puidese facer nada para evitalo, polo que se escoitou ao coordinador dicirlle que merecía unha medalla por terse ocupado de recoller ao trosma -e outros cualificativos non reproducibles agora- do eurodeputado.

Non é tan habitual que nas xornadas electorais, e para manifestar a súa preocupación cívica polos posibles resultados, moitos votantes se organicen para acudir aos colexios electorais cun libro na man. Tal cousa aconteceu, informou La Voz, nas últimas eleccións presidenciais brasileiras, nas que moitos acudiron a votar co libro Como morren as democracias, dos profesores Levitsky e Ziblatt, baixo o brazo. Un texto moi recomendable, que advirte dos riscos de deriva autocrática que están a padecer moitas democracias, en especial os Estados Unidos na era Trump. Do libro ten transcendido o seu test de indicadores chave dos comportamentos autoritarios (a débil aceptación das regras democráticas existentes; a negación da lexitimidade dos adversarios políticos; a tolerancia ou fomento da violencia; e a predisposición a limitar as liberdades públicas, en particular a de expresión dos medios de comunicación). Pero ten transcendido menos o feito de que os seus autores fixen a súa atención na importancia do que denominan «as normas de contención»: un conxunto de regras non escritas que afianzan a relación entre os actores políticos, e desa maneira dan estabilidade ao sistema democrático. Normas non escritas sen as que a democracia parlamentaria é moi difícil que funcione: a tolerancia mutua e a contención institucional. Regras como as relativas á cortesía parlamentaria, como a de non facer alusións persoais despectivas; ou a de ter en conta que o teu adversario de hoxe pode ser o teu aliado de mañá. Como as que levan a un senador norteamericano a recoñecer o moito que lle custaba non chamar embusteiro ao colega que estaba a mentir descaradamente. E como vivimos nuns tempos nos que as novas tecnoloxías permiten aflorar conversas ou imaxes privadas, captadas ilegalmente, ou misteriosamente aparecidas desde sumarios xudiciais secretos, faise máis difícil, pero por iso aínda máis imprescindible para preservar a democracia, practicar a autocontención: ter conta da lingua, e mesmo facer oídos xordos.

Cando recordaba o suceso da conversa involuntariamente transferida aos altofalantes, o meu amigo loaba a profesionalidade do eurodeputado que transportaba. Fixérase o durmido, e non comentara nada do incidente. O mitin saíra perfectamente. E tamén os resultados electorais naquela vila costeira. E desde entón, como xa abandonou a política, pode fachendear diante de familia e amigos da súa decisiva contribución a unha das vitorias electorais do PPdeG.

Vivimos nuns tempos nos que as novas tecnoloxías permiten aflorar conversas ou imaxes privadas, captadas ilegalmente, ou misteriosamente aparecidas desde sumarios xudiciais secretos