Aplaudo a decisión do Parlamento galego de aprobar a implantación dunha medida que evita a discriminación entre sexos, como é a de que as rapazas poidan escoller, a partir do vindeiro curso, saia ou pantalón naqueles centros onde o uniforme é obrigatorio. Sen ser partidario de regular o vestiario, recoñezo que unha mesma roupa para todo o alumnado ten aspectos positivos, porque remata coa cultura das marcas, as distincións sociais e mesmo crea un sentido de pertenza ao grupo. Ademais, pode supoñer un aforro para as familias e a comodidade diaria de non discutir pola roupa que poñer.
Agora ben, a meirande parte das nais e dos pais prefiren que cadaquén vista a roupa que lle pete, pois iso vai máis acorde coa formación da personalidade dos rapaces. Con todo, a hipersexualización mesmo da infancia fai que o conflito da roupa tamén estoupe nas aulas.
Non hai moito asistín a unha discusión entre profesores por mor dun par de rapazas de doce anos que adoitan ir ao centro cunha camiseta demasiado curta. Desa conversa non tirei ningunha conclusión clara sobre a medida que se pode tomar, se é que se pode tomar algunha. O problema está fóra, nas propias familias, que aproban que vistan así e que mesmo permiten que se maquillen cada vez máis cedo. E tamén na publicidade nos medios de comunicación, nas series de televisión, nas modas e nas redes, onde os rapaces colgan fotos cunha presentación de mercadoría ou reclamo.
Sospeito que a prohibición produce un efecto contrario. Por este motivo, talvez mellor sexa educar a nosa ollada e pensar noutras estratexias máis abertas para convencermos a unha adolescencia que rexeita a roupa imposta, e que, no caso das rapazas que pasen dos dez anos, cando o vindeiro ano poidan escoller entre pantalón ou saia, moito me temo que se decantarán pola saia.