O atentado de Estrasburgo vén confirmar que os terroristas están optando por unha estratexia menos espectacular, pero máis eficaz á hora de aterrorizar a poboación. Estrelar dous avións contra as Torres Xemelgas foi unha demostración de poderío e de organización, pero os atentados actuais demostran que non necesitan caudillos como Bin Laden nin unha grande infraestrutura.
Foron simplificando as súas accións de morte. Agora poden matar sen grande esforzo en calquera lugar. Non necesitan nin sequera un vehículo para lanzalo contra unha multitude, nin tampouco crentes fanatizados. Basta con pagar a un delincuente habitual para que a emprenda a tiros nun lugar do que poida fuxir con certa facilidade; por exemplo, un mercado de Nadal.
A consecuencia desa nova estratexia é que aumenta o medo da poboación. Eu fun aos Estados Unidos no primeiro avión que voou para alí desde Madrid. Estaba segura de que non se ía repetir o atentado.
Pero agora dáme medo levar os meus netos á praza Maior de Madrid, porque o atentado de Estrasburgo pode repetirse con gran facilidade en calquera parte.
Recordo que os estudantes universitarios americanos mirábanme con admiración e preguntábanme qué podían facer para loitar contra o terrorismo.
Eu díxenlles algo que sigo pensando: «Hai que seguir facendo o mesmo de sempre». Porque, se conseguen que os seus atentados cambien o noso modo de vivir, gañarán a guerra.
Hoxe moito me temo que van camiño de conseguilo.