Non sucedeu no arrabalde dunha gran cidade onde con frecuencia se amontoan marxinados sociais, nin nun dos barrios perigosos que existen en todas as grandes urbes, nin tampouco durante as horas da noite, despois do teatro ou da última sesión de cine, cando as amigas se dispersan e unha muller regresa soa á casa; nin á primeira hora do día, a única libre para saír a correr antes de comezar o horario de traballo. A Laura Luelmo matouna un home que xa matara outra muller, ás catro da tarde e a plena luz do día, nunha vila pequena onde todos se coñecen.
Outras mulleres que saen correr tiveron máis sorte, pero todas declaran que sufriron diversas agresións, desde comentarios vexatorios a intentos de violación.
Vivimos nunha sociedade na que unha muller soa é unha peza de caza para o macho que se cruza con ela. No subconsciente masculino segue vivo o instinto primitivo de apropiarse da femia que non leva á beira a un macho forte capaz de protexela.
O instinto non se pode extirpar, pero si domesticalo, mediante unha educación que desde a primeira infancia inculque o respecto á muller e a noción de igualdade. O castigo ao que viola ou mata é necesario, pero non resolve o problema. A solución ten que chegar a través da educación na familia e na escola, e prolongarse ao longo da vida en leis paritarias e protectoras que palíen a vulnerabilidade da muller.
Só así, nun tempo futuro, poderá unha muller saír a traballar, a divertirse ou a correr polo campo sen temor a que a viole o primeiro macho salvaxe que se cruce con ela.