Conta o gran Heilbroner que cando os ventos do progreso encheron as velas da Inglaterra vitoriana na segunda parte do século XIX, e a economía política deixou de ser política para ser só economía da man dos grandes marxinalistas, «como contrapartida a ese mundo pálido das ecuacións floreceu un mundo subterráneo [...], un estraño limbo composto de tolos e heterodoxos [...] cuxo diagnóstico deixaba espazo á dúbida moral e apuntaba á idea de que era necesaria unha reforma radical». Un dos máis destacados deses tolos foi o norteamericano Henry George (1839-1897), autor de Progreso e Pobreza (1879), no que defendía que os causantes da pobreza e de frear o progreso capitalista eran os propietarios da terra; o que lle levou a propoñer o seu famoso imposto único sobre a propiedade da terra. Co obxectivo de popularizar as ideas de Henry George, unha das máis temperás seguidoras do xeorxismo, a feminista e enxeñeira Elizabeth Magie, ideou un xogo de mesa. Chamouno «o xogo dos terratenentes», e consistía nun taboleiro no que os xogadores avanzaban por unhas casiñas, que tiñan nomes de rúas que podían mercar, de xeito que, cando outro xogador caía nunha desas casiñas xa adquiridas, tiña que pagarlle ao propietario unha renda. O interesante é que este Monopoly orixinario tiña un só taboleiro pero dúas regras coas que xogar. Coas primeiras, as do xogo monopolista que perdura ata hoxe, o xogo remata con todos arruinados, menos o supermonopolista que queda con todas as propiedades. Na segunda versión das regras, as do xogo antimonopolista ou «da prosperidade», cada vez que un xogador caía nunha casiña ingresaba unha cota (un imposto sobre a propiedade) nun fondo común, que se repartía entre o conxunto dos xogadores. A partida remataba cando un xogador duplicaba os cartos cos que iniciaba o xogo; de xeito que, a diferenza do ocorrido na versión monopolista, todos os participantes remataban cun nivel aceptable de cartos. Mesmo taboleiro, mesmos dados para avanzar, mesmos xogadores. Pero regras diferentes, que provocan resultados significativamente diferentes. No último informe publicado na revista Democracy sobre a evolución (e involución) da democracia no mundo en 2017 ofrécese unha interesante clasificación dos réximes políticos e as súas regras construída con máis de 400 indicadores. O informe distingue entre a democracia liberal (como a norueguesa), a democracia electoral (Turquía), a autocracia electoral (Venezuela) e a autocracia pechada (Corea do Norte). O informe destaca que só o 15 % da poboación mundial vive en democracias liberais; e os españois estamos entre eles, grazas á Constitución que conmemoramos este mes de decembro. Calquera balance minimamente obxectivo da evolución da sociedade española, e da galega en particular, amosa uns resultados cooperativos e de prosperidade non igualados en ningún outro período da nosa historia contemporánea, ben afastados do modelo do supermonopolio co que certeiramente se podería describir o exercicio do poder na ditadura precedente. No mundo dos xogos triunfou a versión monopolista das regras: o Monopoly é un dos xogos de mesa máis vendidos da historia. Desafortunadamente, a versión monopolista das regras políticas, nos seus distintos graos, rexe a vida da maioría da humanidade. Non en Galicia, nin no resto de España. No cuadraxésimo aniversario da Constitución, e no 38.º do Estatuto, só por iso, temos moito que celebrar.