Xoguetes

OPINIÓN

26 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Gardo na memoria a primeira vez que me regalaron unha bicicleta. Debía de ter eu seis anos. Lembro que o meu pai me levou á casa da miña avoa e, logo de abrir a porta, vina alí, amarela, escintilante, coma unha aparición ostentosa. A emoción foi grande e durou un tempo ata que os amigos deron en se rir de min porque a bici non tiña barra e seica era de nena. Aquela apreciación non puxo atrancos na miña paixón ciclista porque a velocidade que eu acadaba con ela era igual ou maior que a dos que tiñan barra. Sospeito que a compra do meu pai tiña máis que ver co prezo que con cuestións de igualdade. O certo é que agora lembro con orgullo aquela primeira bici de nena e non me quero recoñecer naquel neno de sete anos que levou unha pequena decepción porque lle deran unha irmá coa que non podería xogar ao fútbol. As cores do cuarto e da roupa, os agasallos, mesmo os cartos que nos daban as avoas sempre eran diferentes. Se repaso os xoguetes da infancia todos tiñan un reforzo dos roles de xénero. A min sempre me caía un balón de fútbol, unha escopeta, ferramentas ou coches, mentres que á miña irmá tocábanlle bonecas, cociñas ou maletíns de enfermeira. É triste, pero o machismo nace nestas cousas aparentemente inocentes e vira nun grave problema cultural. A familia é o mellor lugar para construírmos un modelo de igualdade e é no fogar onde hai que dar os mellores exemplos, comezando polos xoguetes. Unha boa escolla non vai só en beneficio das nosas fillas e dos seus dereitos, senón tamén dos nosos fillos que, no futuro, serán homes máis felices, intelixentes e igualitarios, e talvez non teñan que lembrar que un día alguén se meteu con eles por xogaren cunha boneca ou por teren unha bici de barra.