Non deixo de escoitar teses que tratan de explicar o fenómeno de Vox. O curioso é que todo o mundo ten a culpa agás a propia formación de extrema dereita, á que dun xeito gratuíto todos lle facemos propaganda, aínda que sexa con insultos. Entre todas as explicacións desta suba inesperada de votos hai unha que pon o foco directamente no independentismo catalán. A opinión endureceuse de tal xeito que un xa pensa que nada pode neutralizar a rabia e esa constelación de odio que se instalou non só sobre o independentismo, senón sobre toda a poboación catalá. A hostilidade mesmo medrou ao noso redor até o punto de desprezar a quen poida amosar a mínima comprensión co feito catalán.
Hai en todas as direccións unha linguaxe violenta que configura un escenario tráxico. Non cabe chamarse a engano. A violencia non resolve nada. A culpa sempre é do outro. E sobre el proxectamos o noso fracaso. Mais non podemos seguir cravados no pasado e deixar que sexa sempre a realidade a que se axuste ás leis. Por que estas non se poden axustar á realidade, mesmo buscándolles acomodo nunha Constitución que xa ten os seus anos? Nesta historia non hai ángulos rectos, nin certezas definitivas. Pero convén afastar a escura paixón dalgún columnista que confunde a pluma co fusil e gusta de deixar no aire un cheiro a pólvora, porque golpear unha idea non a fai desaparecer, por moi delirante que esta poida parecer. Nesta liña algúns partidos suspiran pola aplicación do 155, sen prever as consecuencias. Coido que é unha tolería culpar o independentismo de toda a suba de Vox. Por ese camiño as tornas poden inverterse, porque, se este partido vai condicionar a política española, non teño dubida de que o independentismo medrará, e con razón.