É hora de subir os salarios... e dalgunha cousa máis

Maica Bouza

OPINIÓN

06 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Comezos de ano, costa de xaneiro e suba xeneralizada e practicamente automática de prezos. É case como unha liturxia á que os traballadores e traballadoras asistimos impasibles sen que ninguén nos teña en conta. Estamos a falar do habitual incremento nos custos do transporte, da enerxía, das comunicacións, das autoestradas..., que nos fan crer que son insignificantes, mais inciden de maneira determinante na conformación dos prezos de produtos e servizos básicos que utilizamos na nosa vida cotiá. O peor é que estamos a falar, en boa medida, de sectores que case poderiamos cualificar como nacionalizados pola importante achega de recursos públicos que recibiron e polo papel que ten o Estado nos seus prezos.

Porén, ano a ano non soben os salarios, nin as pensións, nin a protección social mellora de forma automática; máis ben o contrario. As melloras cómpre pelexalas duramente, pero os recortes veñen impostos, como sucedeu cos salarios e coas pensións durante a crise. E, así, traballadores e traballadoras cun emprego precario e cun salario ou pensión minguada debemos afrontar cada comezo de ano desde a recesión, malia que para este 2019 xa demos algúns pasos.

CC. OO., xunto a UGT e CEOE, subscribiu un acordo para subir o salario mínimo interprofesional nun 20 % ata 850 euros mensuais que, tralo cambio de Goberno, se impulsou ata os 900 euros. O pasado xuño, tras unha longa negociación, conseguimos un acordo salarial para os convenios colectivos cunha suba anual ao redor do 3 % e un salario mínimo de convenio de 14.000 euros. Antes disto, o II Acordo para a Mellora do Emprego Público iniciaba a vía de recuperación de dereitos para máis de tres millóns de persoas traballadoras. Canto ás pensións, tras a reforma do PP no 2013, revalorizábanse a un ritmo do 0,25 % anual, polo que millóns de pensionistas perdían poder adquisitivo; hoxe, as pensións volven revalorizarse segundo a inflación.

Desde o inicio da recuperación económica, a produción e a produtividade das empresas foron aumentando, pero non os salarios, pois as reformas laborais seguen a presionar á baixa os soldos, incrementando a precariedade do emprego: maior rotación, traballo a tempo parcial non desexado e emprego en actividades con soldos máis baixos e desigualdade salarial, así como o risco de pobreza entre os traballadores e as traballadoras. Por todo iso, toca agora recuperar o poder adquisitivo perdido e situar o foco nos salarios más baixos, que son os que máis sufriron a crise. É o momento de fortalecer a negociación colectiva para que a clase traballadora participe dos beneficios das empresas e remate a precariedade do emprego, pero iso esixe derrogar as dúas últimas reformas laborais.

Cómpre que o crecemento e os maiores beneficios se repartan agora en forma de máis postos de traballo, de emprego máis estable e de salarios que gañen poder de compra. Tamén é necesario mellorar a protección social, para evitar a pobreza laboral, favorecer unha vida digna e garantir a sustentabilidade das pensións.