ANPA e formación de pais

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

10 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis do 90 % dos centros educativos contan cunha asociación de nais e pais de alumnas e alumnos, malia que, como reflectía este medio hai dous meses, a porcentaxe de socios é moi inferior, en especial nos centros públicos, e aínda moito máis a asistencia ás reunións. A baixa participación dos pais resta eficacia a estas asociacións, que poderían contribuír en maior medida a colaborar cos centros e potenciar as difíciles relacións entre familia e escola. Hai ademais outros riscos que veñen afectando ao seu funcionamento. O primeiro e máis frecuente é a invasión de competencias que corresponden ao consello escolar, no que teñen representación, ao equipo directivo ou á inspección educativa. Exemplos son cuestionar a metodoloxía ou criterios de avaliación dos mestres, promover o cese do director ou non respectar as normas de organización e funcionamento do centro.

 Por outra parte, e aínda que foi mellorando co avance da democracia, existen asociacións con xuntas directivas moi politizadas, que desde unha ideoloxía determinada tratan de alterar o proxecto educativo ou carácter propio do centro, ou ben adoptan posturas reivindicativas que non coinciden coa maioría da comunidade educativa. Precisamente a pasividade desta facilita en moitas ocasións a consecución dos obxectivos dunha minoría.

Outro risco que corren as ANPA é acabar converténdose exclusivamente en xestoras das demandas prioritarias das familias: as actividades e servizos extraescolares. A conciliación de traballo e paternidade é hoxe, con razón, unha preocupación máxima, resultando imprescindible, en moitos casos, que os fillos continúen no centro educativo fóra do horario lectivo. Por outra parte, cando comedor e transporte non son xestionados polas administracións públicas acábano sendo polas asociacións de pais. Nada que obxectar, sempre que estas non se esquezan doutros obxectivos esenciais, entre os que se atopa a formación de pais, que sempre foi a materia pendente do sistema educativo, pero hoxe indispensable e urxente.

Os pais son insubstituíbles nas funcións formativas primarias (sentimentos, actitudes e valores), e non obstante quen realmente está a educar aos nenos son os medios de comunicación e a escola. As ANPA, precisamente nese afán de favorecer a conciliación laboral e familiar, deberían dar prioridade á formación de pais, para que estes eduquen realmente no pouco tempo que teñan libre. As novas tecnoloxías permiten crear canles adecuadas para levar a cabo esta formación, favorecendo o aproveitamento do tempo e a confidencialidade. Ademais, a Xunta de Galicia regulou hai poucos meses un marco de apoio ás escolas de nais e pais, coa implicación da rede de formación do profesorado e dos departamentos de orientación dos centros. Hai, xa que logo, razóns e medios para abordar, dunha vez por todas, a formación de pais.