Un país á poula

OPINIÓN

ROI FERNÁNADEZ

10 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A poboación galega é vella e aínda o vai ser moito máis. Arrepía pensar que volvemos ao número de mortes de 1945, cando a media de idade da mortalidade andaba polos 55 anos e non polos 80 de agora. Non nacen nenos dabondo para lles darmos a volta aos datos da pirámide, que ten os banzos superiores con máis membros que a base onde están os cativos e a mocidade. As perspectivas son duras, e o rural xa leva sendo dende hai moitos anos un lugar sedentario, onde os vellos gozan dun retiro merecido.

 O país está á poula e no rural xa non hai máis acto social que o dos enterros. Na aldea en que vivían meus avós maternos xa non ficaba máis ca unha nena entre máis de douscentos veciños. Era unha excepción, que hoxe xa nin se dá. Lembro que o único taboleiro das noticias importantes que había eran as necrolóxicas pegadas nos postes da luz. Nese espazo, que tiña algo de rede social, miña avoa, orgullosa, mesmo aproveitaba para poñer os recortes de periódico que recollían a noticia dalgún premio literario que eu gañara. Era o mellor dos altofalantes nunha poboación envellecida. Non esquezo o día que me fixeron unha homenaxe no concello de Baltar e o cura puxo á mesma hora do acto un cabodano. Foi unha afronta que miña avoa nunca lle perdoaría ao cura.

Si, somos vellos, e, de seguirmos así, morreremos coa chave da casa na man, sen termos nin tan sequera quen vaia ao noso enterro. Ás veces, falo en broma cos amigos dunha asociación cultural á que pertenzo e decatámonos da necesidade de nos renovarmos porque os socios tamén nos facemos vellos. De non poñermos remedio, xa me vexo anunciando os actos culturais con necrolóxicas nos postes da luz e convocando o persoal nos tanatorios, que é o lugar onde haberá máis ambiente.