Hai cincuenta anos, nas escolas técnicas aparecían as mozas a formarse. Eran poucas pero benvidas, moi apreciadas nas tecnoloxías do abstracto (coma as Telecomunicacións) pola súa minuciosidade nos detalles. Os pais mostrábanse felices pregoando que as fillas eran «enxeñeiras», o que implicaba un estatus social importante.
A porcentaxe de enxeñeiras seguiu a aumentar (notoriamente na Telemática) ata que nos últimos anos comezou a caer. ¿Un retroceso nas reivindicacións feministas? Dificilmente. Mais, se cadra, hai un problema -que non é só das rapazas- á hora de escolleren carreira universitaria. ¿Por que as mozas tenden a escoller formacións soft? Polo mesmo que o fan os mozos: as Matemáticas.
Levamos décadas de softificación (amolecemento) do ensino medio. Nada de esforzo, señores, e unha integral tripla é moita integral. En todo caso, que a resolvan os rapaces máis audaces, con máis testosterona. As rapazas estudosas -de novo por prestixio social- van á Medicina.