A culpa non é só do maquinista

Ana Miranda EN LIÑA

OPINIÓN

23 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando les certas crónicas pensas se estamos no mundo ao revés. Con todos os respectos, señor Barreiro Rivas, vou explicar a miña humilde opinión, que é a de ser quen levou o caso do accidente de Angrois á Comisión Europea para que as vítimas puidesen ter liña directa, e tamén como denunciante do Estado por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria, despois de pasar tres anos estudando a normativa dunha denuncia que estou segura que vou gañar, pois ás veces David vence a Goliat.

A investigación do accidente do Alvia, tal e como afirmaba a Axencia Ferroviaria Europea (ERA) en xullo do 2016, non foi independente e só se centrou na causa humana do exceso de velocidade do maquinista. Para que un tren e unha nova liña, incluídas as súas modificacións, sexan postos en marcha precísase unha avaliación previa, un control integral de riscos. Nos nove quilómetros antes da curva de Angrois até Santiago non se fixo. Por neglixencia e incompetencia, por aforrar, por querer inaugurar. Non é normal que no século XXI a seguridade ferroviaria fique só en mans dunha persoa, sen mecanismos eficaces que evitarían ou diminuirían os efectos da traxedia. Polo tanto, a responsabilidade non é só do maquinista, senón dos responsables da liña ferroviaria e do tren, que, traducido, son o ADIF e Renfe, e, subindo na cadea, a Dirección Xeral de Ferrocarrís, Fomento e o Goberno de España.

No recurso presentado á CE por esta eurodeputada en xullo do 2017, denunciando ao Estado español por esa neglixencia, argumentei, con probas, que non se fixo o control integral dos riscos. A Comisión, con rigor e en permanente diálogo, informoume que lle encargou á ERA un informe que examinase se o Estado español cumpre na actualidade a normativa europea de seguridade ferroviaria. Estou pendente de resposta. Pois, se cumpre, caso pechado: significaría que se tomaron medidas para evitar un accidente como o de Angrois. Mais se o informe conclúe que non cumpre a normativa hoxe en día significa que non a cumpría tampouco o 24 de xullo do 2013 e que non se fixeron despois cambios. E, se é así, van moverse os alicerces do Estado, pois abriríase un procedemento de infracción por incumprimento da normativa que, traducido, sería a proba de que nos enganaron, á sociedade e sobre todo ás vítimas e familiares, tanto o Goberno do PSOE como o do PP. Eses mesmos impediron que eu fose de público á comparecencia no Congreso do representante da Axencia Ferroviaria Europea. Se así fose, deberían dimitir todos os implicados dende xullo do 2013 que sigan en calquera posto de responsabilidade. E que tamén a Xustiza chegue até eles. Por enganarnos, por manipular, por incompetentes, por non faceren as cousas ben.

As vítimas o que sempre quixeron é a verdade, e a verdade non pasa por acusar só ao maquinista, senón chegar até os responsables todos. Como sucede en Europa en calquera investigación desta gravidade. Para que non sigan dicindo aquilo de Spain is different!