O seu novo vídeo é o primeiro dunha gran multinacional (P&G) que avoga por unha imaxe da masculinidade que se aparta dos canons machistas. Empeza cuestionando o seu antigo slogan «O mellor que podes conseguir» e propón comportamentos masculinos que contradín os tópicos machistas, á vez que denuncian actitudes de violencia, agresividade e falta de respecto ás mulleres: nada de risas, nin de dicir boys will be boys.
O seu novo slogan é The best man can be (O mellor que pode ser un home / O mellor home que podes ser). Presenta escenas onde homes interveñen para impedir accións ou actitudes machistas doutros homes, xunto a testemuños como o de Terry Crews, actor e ex-futbolista (1,88 metros de impresionante musculatura) que tamén foi agredido sexualmente. A mensaxe é: os homes teñen que responsabilizarse.
Na miña opinión, non hai un ataque aos homes, pero nas redes os votos negativos superan con fartura os positivos e proponse o boicot aos produtos da marca.
É evidente que son votos de homes que se identifican cos comportamentos criticados, e que se senten atacados, o que vén demostrar a oportunidade de promocionar outro tipo de masculinidade que sirva de modelo aos fillos, os homes do futuro.
Benvido sexa este anuncio de Gillette, que fixo unha aposta arriscada, pero con vistas ao futuro. Un futuro no que as mulleres terán cada vez un papel máis importante. É un paso adiante no camiño da igualdade social de homes e mulleres.