Non lembraba moito máis que o feito de que crecín con eles. Lembraba os personaxes, e algunhas das mensaxes, pero non era consciente da profundidade do contido. Tampouco me dei de conta de que a miña paixón pola diferenza durante a adolescencia estaba probablemente ligada á miña exposición a eles. Esta semana, cando lin a noticia sobre a morte da directora e creadora do programa, Lolo Rico, e de súpeto os vídeos de La bola de cristal estaban por tódolos medios, quedei pensando un chisco no feito de que nunca reparara na fermosa franqueza coa que se dirixían a nós, as rapazas da xeración dos 80. Cunha muller como directora e creadora, cunha presentadora radicalmente diferente aos estándares da época, cunha linguaxe inventada e cunha curiosidade infinita por querer, e poder, aprender a saber. Era unha verdadeira mensaxe de liberdade, como ela mesma confesara, que en certo modo calou en moitas de nós.
Tampouco reparara no poderoso dalgunha das súas mensaxes: o amor pola literatura, representado co seu «si no quieres ser como estos, lee»; as críticas ao sistema, co seu «viva el mal, viva el capital»; o seu xeito de ensinarnos a pensar, co seu «desenseñar a desaprender»; e o meu favorito: «tienes 15 segundos para imaginar, si no se te ha ocurrido nada a lo mejor deberías ver menos la tele».
Quince segundos para imaxinar dan para tanto! En quince segundos unha pode crear tantas cousas na súa cabeza! Ou simplemente desconectar e deixar de mirar imaxes inconexas no móbil que, ás veces, o único que fan é levarnos a perder o tempo, a deixar de pensar. O móbil que, se cadra, tamén nos converte nun deses monstros do seu «se non queres ser coma estes, le».