Canto máis facha e reaccionario máis se recorre ao medo, máis se trata de inxectar medo nas xentes, en toda a sociedade, en todos os sectores da vida. E hoxe, non o esquezamos, temos medios moi eficaces para meterlle medo á xente, para crear pavor individual ou colectivo, para xerar situacións de medo e terror.
É a característica máis sobranceira do facha. Por exemplo, o medo a un Estado federal, ao que se ten referido con lucidez Sánchez-Cuenca, medo que leva xa ao anatema entre os políticos da dereita. Inseguridade da nación española, que escribiu ese autor? Medo ao que non se coñece, que pensan outros? Prexuízo propio dun apriorismo irracional e xenético? Ignorancia do que significa federalismo? Seguro que de todo un pouco.
É lóxico que algúns se pregunten de que ten medo Savater para escribir un manifesto contra o plurilingüismo español. Un medo semellante ao dos que temen que España rache polo Estado das autonomías e a prefiren «roja», seguindo ao fanático fascista ?ese si que o era? que converteu ese medo en obsesión e que, ao parecer, deixouna en herdo aos que hoxe lle seguen en ideoloxía?
Medo e incomprensión do outro debuxan o perfil do facha. E tamén medo e incomprensión para canto se refira á «periferia». O facha non atura ao outro. Converte en problema o obvio: que cadaquén se sinta a gusto de onde é, xusto porque é o que quere ser. E de seguido xorde o rexeitamento, case sempre violento: «¡A por ellos!».
Cultura, educación cívica... é o que falta entre nós. Non podemos deixar de facer comparanzas co que nos arrodea, e a conclusión non pode ser outra. Pero alguén ten un proxecto para que deixemos de ser dunha vez un país asilvestrado? Paréceme que non. A moitos interésalles que sigamos sendo diferentes.