O 28A, unidade

Alexandra Fernández FIRMA INVITADA

OPINIÓN

19 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Estado español posterior á crise do 2008 afástase do marco xeopolítico que ditaba o reparto dos recursos desde a Transición. En 2019 dispomos de suficiente perspectiva para intuír como se pretende reconfigurar o mapa político do Estado: apóstase por facer de Madrid a capital económico-financeira (só coa competencia de Barcelona) fronte a unha «España baleira» e impotente politicamente. Esta España radial articúlase, tamén, en clave leste-oeste. O Estado español vén potenciando, como consecuencia da integración na UE, a súa vertente mediterránea, deixando a Portugal o liderado do litoral atlántico. Da combinación de ambas as claves xeográficas cabe deducir que para o Estado Galiza será, dun xeito cada vez máis acusado, dobremente prescindible.

Para levar a cabo esta asimilación de Galiza coa «España baleira», os Presupostos son unha das principais ferramentas. Condicionan, mediante o investimento, o rol deseñado para cada territorio e os seus habitantes. Un rol que, para un país cada vez menos industrializado coma o noso, será o da especialización no sector servizos, o do traballo precario e mais o da emigración. Son estas, pois, políticas estruturais que condicionan moi profundamente as nosas vidas.

Os orzamentos que presentaba Sánchez continuaban co movemento de degradación do país. Se o ano anterior Rajoy recortaba nun 30 % os investimentos para Galiza, para este ano Sánchez propuña recortar outro 20 %. Eran uns orzamentos coherentes co esquema tendente ao desequilibrio territorial e á concentración económica en Madrid e no Mediterráneo. Uns orzamentos que, para o PSOE, daban a Galiza, malia o gran recorte efectuado, o que lle correspondía, e nos que Podemos separaba, dun xeito simplista, o social do nacional, coma se ambos os eixes non estivesen, en Galiza, intimamente unidos.

Durante meses, a esquerda española negociou co Goberno uns orzamentos que ían contra o país. Nesas negociacións participaron algún dos deputados de En Marea, pero fixérono sen ningún tipo de proposta para e desde Galiza, de costas á organización e ao resto de compañeiros, que só tivemos coñecemento do acordo o mesmo día en que se fixo público a través da prensa.

As votacións do pasado venres foron a decepción última, ao ver que Podemos se facía cómplice da política do PSOE e avalaba o mesmo mapa desigual do Estado. Boicotearon a nosa forza e venderon os nosos votos a cambio de nada. Liquidando o noso status político e constatando que daban por rematado o seu compromiso de manter a obediencia de voto en Galiza.

O proceso de recentralización vaise agravar nos próximos tempos. Por iso as vindeiras eleccións son chave para incidir politicamente con eficacia. Vai estar en xogo o peso político do país e a capacidade de poder condicionar un Goberno en base ás necesidades da clase traballadora galega; estes deben ser, por tanto, os eixes para construír unidade. Cómpre sumar con todas aquelas forzas de obediencia galega nunha única candidatura aos comicios do vindeiro 28 de abril.