Pasar páxina

Pedro Puy
Pedro Puy A FAVOR

OPINIÓN

24 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un «home desprazado», Tzvetan Tódorov, xa nos advertiu sobre a memoria «exemplar». Porque é potencialmente liberadora, ao permitir aproveitar as leccións que nos dan as inxustizas do pasado para combater as do presente. Pero ten riscos, porque a memoria, mesmo a «exemplar», pode inducir a caer no misticismo, na exaltación do auténtico que evita o exercicio do xuízo universal con criterios racionais.

Os nosos avós, que fixeron a Guerra Civil ou se viron envoltos nela, non falaron daquilo, por medo á represión ou por mala conciencia. Os nosos pais liquidaron a ditadura e trouxeron a democracia, e tampouco falaron diso. Non porque o pasado non estivera presente. Ao contrario: a longa sombra da Guerra Civil e da ditadura estaba tan viva e próxima que a reconciliación e o consenso foron factibles porque renunciaron a falar diso, polo medo a reabrir feridas.

Pasaron outros 40 anos. É o tempo dos netos, incluso dos bisnetos. Que viven en democracia desde hai catro décadas, grazas aos pactos da Transición, e que, por viviren nunha democracia consolidada, xa non deberían ter medo: nin á represión nin a reabrir feridas. Que poden «abandonar o ‘‘eu’’ e camiñar cara ao ‘‘outro’’», aprendendo da historia, como propoñía Tódorov. Polo camiño da «paz, a piedade e o perdón», como se dixo en 1938. Polo camiño da reconciliación, como se dixo en 1956. Polo camiño do coñecemento, e do recoñecemento, daqueles que sufriron a represión no pasado, para evitar o sufrimento dos seus netos no presente. A Igrexa católica, que tardou 359 anos en rehabilitar a Galileo (da man doutro «home desprazado») xa leva anos amparando a petición dos netos de enterrar aos avós que deixaron en cunetas ou xunto ao valo dun cemiterio.

O único morto soterrado no Valle de los Caídos que non faleceu na guerra é Franco. Semella sinxelo resolver o problema. Se camiñamos, coma na Transición, pola vía do acordo. Non pola vía do «acordo do esquecemento», senón pola vía do acordo de non usar o pasado contra os adversarios do presente. Sería sinxelo se evitásemos caer na tentación, tan obvia, de construír, uns e outros, novos misticismos, deses que mobilizan o voto mediante a «exaltación do auténtico». Sería sinxelo, simplemente procurando actuar desde o xuízo universal con criterios racionais.

Aproveitando, netos e bisnetos, tamén na polémica conscientemente traída ás eleccións sobre a localización dos restos mortais do ditador, para pasar páxina. Sen esquecer que, para pasar páxina, antes hai que lela.