O entroido é coma un espello cóncavo que bota un pulso coa actualidade e deforma e ridiculiza todo aquilo que poida ter un aire transcendente. O máis auténtico do entroido de Xinzo, ademais das pantallas, son esas persoas ocorrentes que se meten nun personaxe e nos fan partícipes da súa representación. Esa é a función principal: perder a identidade e vivir noutra persoa por unhas horas. Un podería pensar que a masificación remataría con estes actores, pero, por sorte, en Xinzo aínda non están en perigo de extinción; agroman todos os anos, igual que as pantallas, que tamén son outro xeito de habitar un personaxe. Podería enumerar moreas de parodias que dan conta da boa saúde desta festa tan popular.
Non sempre é doado adiviñar qué personaxes se converterán en protagonistas do entroido. Nos últimos anos, a palma víñaa levando a corrupción, mais coido que a fartura do tema tiroulle a graza. Este ano o feito catalán e a aparición dunha dereita reaccionaria tiveron o seu alcance, igual que Donald Trump, un personaxe histriónico e tan ridículo que só pode mellorar ao se enfrontar no espello cóncavo.
De calquera xeito, a miña emoción máis grande do domingo de entroido foi o momento en que un neno de sete anos, vestido co traxe de pantalla, entrou trouleando no bar e executou un baile preciso mentres axitaba as campaíñas e batía as vexigas. Logo de facer un ritual ben aprendido, o neno tirou a máscara e meteuse entre o noso grupo adulto de pantallas para nos preguntar, cun orgulloso timbre de voz, se podiamos cantar a de Miudiño. E, por suposto, cantámola con el, emocionados non só por vermos o sentimento e a nosa infancia reflectidos no seu espello limpo, senón porque nos decatamos de que segue a haber canteira.