Manual de existencia

OPINIÓN

08 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A literatura é unha ferramenta que ten as súas utilidades. A min serviume para me vingar dun par de abusóns da infancia. Fíxeno cunha biografía novelada onde, por precaución e un chisco de medo, mudei os nomes desas persoas que a veciñanza do barrio detectou perfectamente. Non foi un acto de valentía, senón de xustiza. Supoñendo que a biografía asistida de Pedro Sánchez tamén entre dentro desa consideración de literatura, cabe preguntarse por que e para que a escribiu. Seica é a primeira vez na historia da democracia española que un presidente publica un libro durante o seu mandato, só medio ano despois de acceder ao cargo. Sen estar de todo claro o por que do libro, de primeiras cabe imaxinar un acto de vaidade semellante ao de calquera escritor. A necesidade de ser, de proclamar a existencia, de berrar para que che fagan caso e saiban que existes. Talvez Pedro Sánchez tamén descubriu que a literatura é un espazo de poder e impunidade, e caeu no engado de ser Deus, de poder elevarse, para escribirse e inventarse de novo moito mellor do que foi, o que non deixa de ser un novo acto de vaidade. Poida que o libro só sexa un refuxio para se afastar dunha vida na que lle custa integrarse. Pero non o creo. O título, Manual de resistencia, pon ben ás claras todas as intencións. Moito máis que canalizar o seu pensamento político ou contarnos polo miúdo as súas grandezas e frustracións, o que fai é un claro exercicio de reafirmación. Na propia superficie do libro un xa podía intuír que Sánchez o que realmente quería era deixar constancia do seu paso polo mundo e, dalgún xeito, vingarse un pouco deses abusóns que non dubidaron en lle atrancaren o camiño para lle negar a existencia.