A morte é tanto un feito biolóxico como un fenómeno cultural, e isto explica que o proceso humano de morrer inclúa decisións individuais e sociais sobre as súas condicións e límites e que cada sociedade dispoña da súa noción de morte.
A pesar desta pluralidade de significados, é posible compartirmos un modelo ideal de morte digna que se resumiría en tres características. 1) Morte coñecida: a persoa pide e dispón da información necesaria sobre o seu estado de saúde para tomar decisións sobre os momentos finais da súa vida. 2) Morte elixida: a persoa decide de xeito voluntario e autónomo cando e como quere morrer, de acordo cos seus valores, e a súa decisión é respectada polos profesionais e reflicte a derradeira etapa da súa vida biográfica. 3) Morte en paz: un proceso aceptado do morrer sereno e apracible, sempre con coidados mesmo se non cabe a curación, e onde a dor e o sufrimento físicos e emocionais son tratados oportunamente.
O recoñecemento da autonomía e dos dereitos dos pacientes a nivel estatal (Lei xeral de sanidade, 1986; Lei básica de autonomía do paciente, 2002) e autonómico (en Galicia, Lei de consentimento informado e historia clínica, 2001; Lei de saúde de Galicia, 2008; Lei de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais, 2015) e o abandono do modelo paternalista da relación clínica teñen contribuído á realización destas tres condicións, se ben a distintos niveis. Algunhas comunidades autónomas, entre elas Galicia coa devandita Lei 5/2015, do 26 de xullo, introduciron claridade conceptual sobre os escenarios do final da vida e reforzaron os dereitos dos pacientes cara unha mellora dos coidados. Porén, persiste un límite á capacidade de elección que, en ocasións, inflúe na placidez da fase final da vida: a consideración da eutanasia e a morte medicamente asistida como delito (artigo 143.4 Código penal).
Hai que remover este límite? Ao meu xuízo é tempo dunha deliberación xenuína de toda a cidadanía para decidirmos se mantemos a súa sanción penal ou procedemos á súa despenalización. Penso, así mesmo, que a realización plena do ideal da dignidade no final da vida esixe dar un paso adiante e permitir a elección dunha morte medicamente asistida con garantías suficientes para as persoas e os profesionais implicados. Xa que logo, unha boa lei de morte medicamente asistida sería unha solución civilizada, razoable, segura e xusta.