Espectáculo para ignorantes

OPINIÓN

01 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un podería pensar que hai algo infantil nunha parte da sociedade que se decanta por unha alternativa como Vox, aínda que só sexa para contestar a unha enquisa. Se a mellor estratexia para unha formación política é falar o mínimo, iso pode significar que ou ten pouco que dicir ou moito que calar. E máis cando algúns políticos doutras formacións pasan o día esbardallando nos medios, dicindo hoxe, coa mesma convicción do día anterior, unha cousa totalmente diferente. 

O desencanto adoita traducirse en excesos, e téndese á igualación no malo. Todos os políticos son o mesmo. E nese terreo é onde suma a extravagancia e os partidos que están nas marxes da lei.

Lembremos exemplos populistas e vulgares coma os de Ruiz-Mateos ou Jesús Gil y Gil aos que moita xente estaba disposta a votar coma quen merca a entrada para ver un espectáculo. E si, non nos enganemos, entre nós hai moita xente xenófoba, machista, disposta a levar pistola pola rúa e expulsar inmigrantes. E o peor é que a ignorancia e o fanatismo mercan tamén estas teses.

Na miña vila había un home ao que o sentido lle andaba un nada polas silveiras. O coitado vestía unha esgazada chaqueta con xarreteiras douradas e varias condecoracións de xoguete. Gabábase de franquista acérrimo e facía o saúdo romano dende unha moto que adornaba con bandeirolas coas que reforzaba un patriotismo confuso e charramangueiro, moi semellante ao de Vox.

Cando había eleccións, el si facía campaña e votaba, con euforia, a súa opción. Presumía de ter loitado por España na francesada e na Guerra Civil, algo imposible, porque a vida non lle alcanzaba para tantos acontecementos.

Mais moitos de nós, ignorantes, puñamos creto nas súas palabras polo espectáculo e porque esas batallas aínda parecían arder na súa ollada.