A arquitectura, ese enigma

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

06 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas aglomeracións humanas a arquitectura é como unha pel que nos envolve cada día, incluso a pisamos sen sermos conscientes cando nos movemos polas rúas, ou pasa a ser suplemento do noso corpo cando sentamos nunha cadeira. Irrompe como unha intrusa no medio físico, con volumes e superficies que foron creando as cidades que logo evolucionaron a metaespazos urbanos con perfís interminables. A arquitectura é un enigma, sobre todo, porque nos interroga sobre o pasado e a súa interpretación a través do monumento convertido en obxecto de culto ou das trazas da historia.

As arquitecturas domésticas que nos séculos XIX e XX conformaron os lenzos de moitas rúas europeas, con toda a súa paixón inmobiliaria -que llo digan a Zola con Haussmann-, hoxe poden pasar inadvertidas pero, en conxunto, son excepcionais. En cambio, as edificacións reiterativas con interese unicamente especulativo non deixan de ser caixas de plusvalías sen valor patrimonial futuro. Pero tamén hai que dicir que sería inaguantable unha cidade feita toda ela de arquitectura de autor, acertos e erros son parte da fenomenoloxía da creación do espazo urbano.

A arte de facer arquitectura é dual: combina a aparente simplicidade coa complicación, a adaptación ao espazo cando se acubilla na topografía ou cando, pola contra, adquire significación volumétrica. Unha obra que alcanza o sublime produce un silencio interior no espectador, como acontece nun auditorio cando se inclina a cabeza para escoitar un pianísimo. Así é nas capelas de Peter Zumthor, en Ronchamp de Le Corbusier ou no Pórtico de Mateo.

O interese do público pola obra empeza como un rumor cunha aceptación minoritaria e vaise tornando comprensible ao ser usada e envellecer, acumulando pátinas e texturas polo vento e o sol das estacións e dos días. O autor aspira a transcender, desexa empezar pronto a ser pasado. O presente dalgunha forma pode resultar molesto pola proba de carga dos que a miran e opinan como voyeurs críticos. Igual que o creador literario, interésalle ata certo punto o ritual da incomprensión e a orixinalidade. O arquitecto autor, ás veces un mandarín que se expresa en linguaxe críptica e considérase único intérprete da sociedade, quere que o edificio se manteña case como conxelado á espera de que a incomprensión se torne en admiración, para ser partícipe do tránsito metafórico da inmanencia á transcendencia.

Desentrañar o enigma da boa arquitectura require un protocolo. Deixala madurar por si mesma, que o autor sexa bastante ecuánime ou humilde para soportar a verificación do usuario e ter o oído atento ás opinións e deterioros que acontecen. Que o político non a instrumentalice ou, peor, a transforme ao seu capricho e que poña, en cambio, os medios para explicala. Que o cidadán se enfronte a ela con decisión, que a analice con calma e non emita xuízos prematuros que impidan escoitar o silencio da obra. Que a sociedade no seu conxunto recoñeza o papel irradiante da Arquitectura, con maiúscula, que sempre produce un contaxio positivo sobre o contorno e as persoas.