É necesario regular a eutanasia

Flora Miranda Pena AO DÍA

OPINIÓN

08 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado xoves tivemos de novo constancia dun doloroso caso de suicidio asistido. María José Carrasco foi axudada polo seu compañeiro Ángel Hernández para exercer a súa vontade libre e autónoma de rematar cunha vida lastrada pola esclerose múltiple nos últimos trinta anos.

Tan dolorosa foi a percepción do sufrimento da muller como a inxustiza de ver nos medios a Ángel esposado e detido, acusado de homicidio.

Poucos dilemas éticos suscitan tanto consenso social como o da eutanasia. Malia iso, a súa concreción nunha regulación legal non remata de facerse realidade.

Unha sociedade que non regula a eutanasia abandona a un colectivo de persoas vulnerables: as enfermas e os seus contornos, que non só sofren en termos físicos e emocionais, senón tamén legais.

Este debate é paradigmático de como a sociedade camiña por diante das decisións políticas e mesmo da práctica profesional. Existe madurez cidadá: máis dun 80 % das persoas adultas avalan a necesidade de regulación.

Asistimos estas últimas horas a unha mobilización nas redes nese sentido. Fixéronse visibles os conceptos de solidariedade, empatía e compaixón coas persoas que, por ausencia de expectativas vitais, manifestan un sufrimento físico e emocional intolerable.

O contorno profesional non está tendo un papel especialmente visible nesta cuestión. Desde o punto de vista médico cómpre unha reflexión sobre a necesidade de poñer límites ás nosas actuacións, de dignificalas, de naturalizalas, de humanizalas e de valorar coidadosamente cando a práctica se desliza cara á iatroxenia e á obstinación terapéutica.

Cómpre visibilizar a necesidade de aprender a limitar o esforzo terapéutico nun contorno sanitario cada vez máis tecnoloxizado e intervencionista. E reforzar a sensibilización dos e das profesionais para sermos conscientes de que a atención digna ao final da vida é parte relevante do labor profesional.

Desde o punto de vista bioético cómpre abordar a dignidade e autonomía como conceptos clave. A autonomía é a capacidade das persoas para a toma de decisións sobre a súa vida en base a unha información libre, veraz e suficiente. É a consciencia libertaria de que as persoas somos donas das nosas vidas, dos nosos corpos, das nosas decisións, das nosas mortes.

A inhibición ante unha solicitude de eutanasia achega dor e indignidade a unha situación de sufrimento prolongado que nin sequera adoita presentarse de modo agudo: hai unha dó, unha reflexión, un proceso madurativo e un compromiso detrás das decisións. Tamén no caso de María José Carrasco.

A regulación legal debe garantir que así sexa. Tamén existe a necesidade de regular para dar cobertura legal a quen aplica o suicidio asistido e a eutanasia, que debe ser un/unha profesional. E de dignificalo no contorno escollido (que maioritariamente non é o hospital, senón a casa propia) con condicións técnicas que ofrezan garantías. Cómpre evitar os danos da clandestinidade.

Non hai principio ético máis importante que evitar a dor innecesaria e dignificar a vida e a morte das persoas. Por iso a miña postura é esta, a da defensa da regulación da eutanasia.

Para garantir o principio de Autonomía e o consentimiento informado é recomendable a promoción do Rexistro das Vontades Anticipadas, o Testamento Vital e as Instrucións Previas, reguladas pola lei 41/2002 de Autonomía do paciente.

Hai quen sostén, probablemente mediatizado por condicionantes moralizantes, paternalistas ou relixiosos, que unha boa rede de coidados paliativos fai innecesaria a aplicación da eutanasia. Efectivamente son os indicados para dignificar a evolución e tratar o sufrimento, pero non son suficientes en todos os contextos.

Pretender resolver con coidados paliativos determinadas situacións é un modo de perpetuar un sufrimento que deixou de ser tratable: a morfina non palía a dor de vivir sen expectativas.

Ademais, quen practicamos coidados paliativos sabemos que, no contexto sanitario actual, a desigualdade nesta atención é significativa. Por unha banda a meirande parte das persoas escollería ser tratada na casa se houbese garantías de recibir unha prestación de calidade. Por outra, as unidades específicas atenden exclusivamente o radio periurbano. A atención primaria, que sería o lugar idóneo para administralos pola súa proximidade e capacitación, está saturada (cómpre lembrar que a prestación destes coidados implica tempo, dispoñibilidade e desprazamentos aos domicilios das persoas enfermas). Unha evidencia máis para reivindicar e dignificar a primaria.

A regulación xa está chegando tarde: É necesario trascender de medidas superficiais que amainan conciencias e amparan hipocrisías. É necesario o compromiso político e humano firme con esta realidade. Precísase unha regulación sólida, con garantías de respecto á información, á autonomía, á toma de decisións e a un procedemento tecnicamente aceptable. Débese contemplar o fin da vida como un proceso no que é desexable o respecto á calidez, ao acompañamento profesional e humano, á empatía e á dignidade no contorno escollido polas persoas.