A esencia das cidades está a cambiar, e tamén muda a presenza dos cidadáns nelas. Temos que prognosticar ese cambio e non deixalo ao azar de medidas populistas ou só do libre mercado. A política é o instrumento do que dispoñemos, e ten os seus tempos. Malgastalos en liortas e postureo, esa habilidade que consiste en dicir ou representar o contrario do que se pensa ou do que se debe facer, impide albiscar o porvir.
Hai anos falábase da fuxida da poboación cara ás periferias urbanas ante a oferta ilimitada de solo para edificar vivendas con licenza directa, sen servizos nin esixencias urbanizadoras. A competencia desleal era permitida. Pero iso xa pasou. Hoxe todos habitamos este conxunto urbano que chamo cidade total, con referencias distintas pero participando dunha mesma sociedade e, por certo, cunha demografía que empeza a declinar. Despois do pouco éxito da tentativa da área metropolitana de Vigo, das escasas experiencias de agregación de pequenos concellos e dalgúns exemplos voluntariosos de cooperación, fundamentalmente en materia de servizos, volve agora a proposta da fusión municipal, sen medir as dificultades nin as consecuencias.
A clave é constatar se existe a vontade política e o apoio cidadán necesarios para transformar a relación entre a capital, que tende a ser algo prepotente, e os municipios limítrofes, que se benefician dos recursos da capital pero temen as consecuencias da agregación. Non hai outra solución que sentarse a dialogar para avanzar con rigor e lealdade institucional, sinalando con claridade os interrogantes máis singulares que isto suscita:
Cal vai ser o papel da cidade central, cunha marcada tendencia a implantar usos residenciais e comerciais máis exclusivos neste mercado global de plusvalías, tan vinculado por outro lado a un modelo de mobilidade que xa chama ás portas.
Que pasos se deben dar cara a un deseño de servizos con intereses e economías de escala, como a protección contra incendios, os recintos feirais, o tratamento de residuos ou o transporte, o que nos leva ao interesante asunto da descentralización de certos equipamentos e dotacións co obxectivo de crear outras centralidades.
Como concertar nunha primeira fase o planeamento entre municipios co obxectivo de articular unha política activa de solo para vivendas libres e protexidas, equipamentos e solo industrial e impedir que se xere outra burbulla inmobiliaria. Ao mesmo tempo, como conxugar o crecemento con novas infraestruturas, a protección ambiental e, por que non, áreas para unha determinada produción agraria e forestal.
Un dos desafíos fundamentais é a fragmentación do espazo fiscal, as diferenzas nos tipos impositivos e a dificultade do tránsito a unidades maiores na busca dunha converxencia. Este é un tema que só se pode abordar desde un esquema de equilibrio entre prestacións e imposición.
Todo isto e outras tantas cuestións levan tempo e esixen rigor e sentido institucional, fóra do debate conxuntural. Están dispostos os concellos, a Xunta e as deputacións a abordaren o reto sentando á mesma mesa? Só logo diso se podería camiñar cara a unha fusión.