Decisións á toa

OPINIÓN

20 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando un coidaba que despois das pasadas eleccións o acougo se instalara na nosa sociedade, chega a Xunta Electoral e, meténdose en materias que non lle corresponden, exclúe a determinados políticos das correspondentes listas, cargándose os dereitos deses candidatos e os dos seus mesmos electores.

Cando un pensaba que o nomeamento do señor Iceta seguiría os procedementos que sempre se seguiron, xorde a inesperada disidencia de ERC e avisa de que votará en contra, co PP e Cs. Á marxe da legalidade ou da ilegalidade da decisión, o certo é que esta racha un uso sempre tido en conta de non opoñerse á proposta do partido que a teña feito. Ou sexa, introduce ERC, cando menos, a descortesía nos costumes parlamentarios cataláns e fainos dubidar do seu suposto cambio para a moderación.

Cando un pensaba que os presos do procés poderían ser o peche dunha dubidosa e contestada actuación xudicial, xorde a Fiscalía de Barcelona e, non conforme coa tan cuestionada rebelión, engade a un proceso que alá se tramita contra o cumio do 1-O a cualificación de organización criminal. Antes non, agora si.

Cando un pensaba que o acougo se tiña instalado na sociedade, resulta que son agora certas institucións as que crean desacougo, por máis que en instancias superiores fosen corrixidas, en parte, algunhas decisións pouco fundamentadas e que nin sequera eran competencia de quen as proferiu.

Cando un pensaba que eramos un país asilvestrado, agora resulta que pode que o sexan en boa medida algúns dos seus representantes ou dirixentes, tanto que ás veces semella que navegamos á toa. Con todo, non perdamos a esperanza: o próximo día 26 saberemos algo máis de quen acerta e de quen vai errado. Teñamos fe e esperanza. E tamén algunha caridade.