O Rubicón galego

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

20 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pedro Sánchez, José Luis Ábalos, Adriana Lastra, pesos pesados do socialismo español, fixeron campaña en Galicia, a aldea gala do Partido Popular onde Astérix Feijoo vai resistindo os envites do novo César. Porén, ven un cambio histórico no baluarte da dereita española que non foi sen tempo: en trinta e oito anos de autonomía, o PSdeG gobernou seis, en coalición con forzas nacionalistas. A Sánchez interésalle que se confirme o cambio de liderado porque Feijoo sería un rival complicado se se decidise a resucitar o PP. É cedo para comezar a especular sobre o futuro do actual presidente galego, quen demostra, decote, moita mellor saúde política do que os seus adversarios quixeran admitir. De aquí ás eleccións autonómicas do outono de 2020 falta un ano e medio, en que o Goberno español terá que afrontar retos de alto risco co consecuente desgaste fronte a unha axenda de grande tensión no territorial e no económico, e, sen dúbida, os altofalantes das dereitas non deixarán pasar as oportunidades que se darán para o asedio. Mais o referendo dunha nova maioría de cidadáns que apostaron pola continuidade do Partido Socialista no Goberno de España -que semella que volverá acontecer no Parlamento Europeo, nos concellos e nas autonomías en xogo, como a emblemática Madrid- non anuncia unha rápida caída da ilusión xerada. Amais, Sánchez terá ao seu favor un horizonte sen máis eleccións que as vascas e as galegas, probablemente simultáneas.

Daquela, se a Xunta ten que levar adiante os seus proxectos, con todas as grandes cidades á contra, seralle moi difícil que a maioría parlamentaria abonde para convencer na rúa. A Sanidade como cuestión principal, o financiamento autonómico, a área metropolitana de Vigo, a recuperación demográfica, o remate da conectividade ferroviaria, a recuperación do voto exterior, a reactivación do consumo interno, o mantemento dunha balanza exterior positiva para os intereses dos produtos e emprendementos galegos, a cuestión ambiental, os medios públicos… son asuntos de primeira orde na axenda galega -non os únicos- que precisan de entendemento e diálogo no ámbito local e co Goberno do Estado. Para Gonzalo Caballero ábrese unha oportunidade inédita. Se Sánchez demostrou unha resiliencia e astucia polas que ninguén apostaba ao comezo da súa carreira presidencial, Caballero segue os seus pasos cun perfil propio, teimudo e optimista, surfeando vellas xenreiras internas e colocando aos seus fieis en lugares visibles do grupo parlamentario español ou, antes, nas candidaturas das municipais e das xerais. Agora toca a formación do novo goberno, onde deberá demostrar que o seu mando na praza está confirmado. Iso tamén será parte -e non menor- das consecuencias do que as enquisas anuncian que acontecerá o 26M. Xa o dixo Xulio César cando decidiu cruzar o Rubicón: agora empeza o xogo!