Mar e cidade, luz reflectante e reflectida. A medida que se circunvala a península coruñesa descóbrese un horizonte lixeiramente curvilíneo cos seus límites variables. Os mares que rodean Vigo e A Coruña veñen sendo os mares de parques e espazos libres de Compostela.
O flaneurismo significa camiñar co ollar perdido, a mente en branco; o peripatetismo, en cambio, é a mirada intencionada, o pensamento dialogado e ser conscientes da beleza e a alegría de vivir. Pensar e falar, ler e xantar, ulir o recendo do fume máis ca fumar. Lembro A Coruña estival da miña primeira infancia, en Perillo, e a nenez case adolescente en Bouzas, Vigo, ambas cidades queridas. Naqueles anos de relixiosidade sacrificial proclamábase que «la familia que reza unida permanece unida»; podémolo traducir, mutatis mutandis, nestes tempos incertos e interesantes a que a parella que pasea goza máis do benestar do silencio entre o contraste de pareceres.
O serán remata no Metropolitan, no cine dun centro comercial mesmamente como se estiveras en Nova York, escoitando os Diálogos de Carmelitas de Poulenc, cunha Karita Mattila excelente musical e dramaticamente como a abadesa madame de Croissy. Crónica revolucionaria vista desde a outra beira, magnífico texto de Bernanos que certa espiritualidade esquerdista desprezaba, evocación estarrecedora da nosa debilidade chamada medo. Hoxe son outros medos, derivados do vórtice que xira vertixinosamente con imaxes que xorden entre as palabras como lapas dun volcán, nunha argamasa difícil de escoitar e desentrañar.
No prolongado paseo miro a arquitectura dos últimos cincuenta anos, na que destacan algunhas pezas significativas que hoxe se remodelan do modo máis fácil, con chapas tricolores a xeito de impermeables e medianeiras pintadas que se trata de camuflar coma se non fosen arquitectura. Acontece en todas as cidades, perdendo así unha oportunidade para rexenerar o espazo público de edificios e rúas.
Aos poucos días recalamos en Cotobade, na carballeira de Famelga, seguindo as estancias vitais de Antonio Fraguas. Acto emotivo e galeguista promovido pola Real Academia que nos chega ao corazón, aínda que ao cantar a segunda estrofa do himno hai palabras que se resisten a saír. Se as esencias do galeguismo son lingua, cultura e territorio, cal ten que ser o galeguismo de hoxe: a evocación do que fomos, ou esíxenos ademais construír un legado para o porvir?
Mañá decídense os gobernos das cidades. Interésanos que as corporacións, e non só os equipos de goberno, sexan capaces de asumir políticas pactadas para considerar o pasado, transformar o presente e construír o patrimonio de mañá.