O primeiro Encontro Mundial de Humorismo, organizado e dirixido polo cómico Luis Piedrahita, celebrouse con grande éxito a pasada semana na Coruña e homenaxeou o arxentino Alejandro Dolina, un xenio do humor. Eu homenaxeárao quince anos antes, cando escribín a comedia Hai que confiar na esperanza, ambientada no Buenos Aires de fins do XIX, e creei un personaxe bohemio, de enorme talento literario, a quen chamei Alberto Dolina, e era el. Alberto é o nome do amigo que, en 1990, me descubriu a Dolina a través do libro Crónicas del ángel gris e dunha manchea de disquetes con gravacións do programa radiofónico La venganza será terrible, que realiza desde hai máis de 30 anos.
Na Coruña fixo dous ante un auditorio de arxentinos e galegos, entre os que estaba eu. No primeiro contou que, de rapaz, ría tanto e tan forte lendo a Wenceslao Fernández Flórez que a nai corría a preguntarlle qué lle pasaba. Escoitalo volveume á mocidade porque era o meu caso, con quince e dezaseis anos, cando lía Las siete columnas, El secreto de Barba Azul, Las gafas del diablo… e tamén miña nai viña ver se toleara, ao escoitarme tan fortes gargalladas.
Un dos acertos de Piedrahita foi a mostra sobre o autor galego, hoxe descoñecido, ou, peor aínda, mal coñecido, por dúas razóns. A primeira por «facha e franquista».
Home, un facha anticapitalista, antimilitarista, galeguista e ateo é difícil de imaxinar; e todo iso era Wenceslao antes da Guerra Civil. Franquista si, sobre todo despois que «roxos incontrolados» foran buscalo para «pasealo» e tivera que refuxiarse na embaixada holandesa. Salvouno Julián Zugazagoitia, unha das personalidades máis relevantes do PSOE, director de El Socialista e ministro con Negrín. Anos despois, en 1940, Zugazagoitia foi sometido a un consello de guerra, condenado a morte e fusilado. Wenceslao caeu na depresión e mortificouse acusándose de covardía porque o seu salvador lle pedira que declarase a prol del e non o fixera. O curioso é que si o fixera e o avogado de Zugazagoitia confirmouno: Wenceslao prestara declaración, coma o falanxista Sánchez Mazas e outros personaxes do Réxime, pero non valeu de nada.
De todos os xeitos, Wenceslao era un franquista daquela maneira. Amigo da familia Franco des que, con 18 anos, foi vivir a Ferrol para dirixir o Diario Ferrolano, non aproveitou a relación co caudillo en beneficio propio. Un día Franco chamouno ao Pardo e falaron:
-Nunca vienes a verme.
-Es que no tengo nada que pedirte.
E non volveu, pero poderíalle pedir que o liberase da saña dos censores, que non lle perdoaban o pasado e forzárano a escribir de temas banais. A relación de Wenceslao co galeguismo foi moi intensa, tanto como a amizade con Castelao. Hai pouco descubrimos que Castelao o agasallou co manuscrito da conferencia «Algo acerca de la caricatura», lida en Vigo, en 1911, e Wenceslao gardouna sempre. A outra razón do actual esquezo de Wenceslao é a nula colaboración da familia para reeditar as obras máis importantes. Ninguén con máis interese que Darío Villanueva, cando foi reitor en Compostela; e perdeu a paciencia. Crucemos os dedos para que os sobriños netos se mostren máis colaboradores.