Os resultados consolidan o avance do BNG e imos estar á altura deste apoio electoral cun traballo serio, solvente para mellorar a vida das persoas desde os concellos, despois de que os galegos e as galegas apostaron por estender o modelo municipal nacionalista en moitos concellos e reforzando o peso nas grandes cidades, pasando tamén por dar máis forza ao que volverá ser o escano de Galiza na Eurocámara.
Este renovado apoio supón un plus de responsabilidade que asumimos co compromiso de seguir construíndo concellos a favor da cidadanía, referentes de calidade de vida, de transparencia e de honestidade, concellos feministas, inclusivos e orgullosos da nosa lingua e cultura, con dinamismo económico, social e cultural.
O 26M tamén confirma un cambio de ciclo no que o avance do BNG corre paralelo ao declive electoral do PP e abre a porta a un tempo novo para deixar atrás o decenio negro de Feijóo cando, en apenas un ano, se celebren as eleccións galegas. Tempo novo que estamos en disposición de liderar cun proxecto de país, que construímos xa nos concellos que gobernamos, un proxecto coas portas abertas e a man tendida.
Ese é o compromiso e o reto do BNG: liderar ese tempo novo para pasar a páxina dunha década de políticas de recortes, de submisión a Madrid, de goberno en contra dos e das galegas. Un tempo novo no que queremos sumar a todas as persoas que apostan por construír unha Galiza con futuro desde nós.