A crise sanitaria en atención primaria ten dúas causas fundamentais: o envellecemento da poboación e as xubilacións de persoal. A taxa de médicos de familia en Galicia é das máis baixas de España e o déficit acrecentarase notablemente nos próximos anos debido ás xubilacións. Na actualidade hai en Galicia aproximadamente 2.500 médicos de familia, 500 nos PAC. As previsións de xubilación son dun 80 % en 15 anos, polo tanto necesitamos 138 prazas anuais só para manter o persoal durante 10 anos. Se se estimase que se xubilan un 40 % de médicos en cinco anos, segundo un informe dos colexios médicos de hai dous anos, a necesidade é de 207 incorporacións anuais. E sen ter en conta as crecentes necesidades de atención da poboación debido ao envellecemento e á multicronicidade subseguinte: soamente considerando as xubilacións.
Tras reunións con diferentes colectivos profesionais, colexios médicos e sociedades científicas a consellería comprometeu, entre outras cousas, algo crucial para coñecer a vontade real de enfrontar esta crise con medidas de calado: os incrementos orzamentarios necesarios. Presidente Feijoo, a proposta son 100 millóns para atención primaria. Non sabemos se isto compensa todo a débeda histórica, pero si sabemos que as 80 prazas para médicos de familia non resolven o problema, e pensar que o resolve é estar moi lonxe da realidade.
A esta realidade únese outro problema grave, a ausencia de bolsa de paro e a imposibilidade de formar novos médicos de familia sen tomar medidas para aumentar a capacidade docente e a promoción dos titores clínicos. A situación de pleno emprego supón un escenario cada vez máis xeneralizado: o da non cobertura das ausencias xeradas por permisos e incapacidade temporal. Vexamos: 2.500 médicos de familia supoñen 77.850 días de vacacións. Se nada se modifica, se os 100 médicos de familia anuais que formamos se destinan a cubrir as xubilacións, as referidas ausencias deberán ser totalmente cubertas polos propios profesionais na súa totalidade, por un persoal cada vez máis envellecido.
A proposta da consellería é de 1.400 pacientes por profesional. Serían boas noticias se houbese un 100 % de substitución. Mais as ausencias no Nadal, en febreiro a gripe, en abril a Semana Santa e o verán coas súas vacacións cubrirémolas uns compañeiros a outros, e así enlázanse uns meses con outros, sen posibilidade de traballar en condicións adecuadas. Cos ollos abertos á realidade, haberá que falar de 1.200 pacientes para que non se saturen as consultas, para ter o tempo que os pacientes necesitan; todos e cada un deles.
As escasas cifras coñecidas, ese ben tan prezado e tan celosamente gardado pola consellería, son aterradoras. Qué diferenza cos informes da Central de Resultados de Cataluña, que mide, avalía e difunde os resultados en calidade e saúde conseguidos polos diferentes axentes que compoñen o sistema de saúde. E, en Galicia non podemos consultar a memoria do Servizo Galego de Saúde, nin podemos avaliar cal foi a repercusión económica da integración de atención primaria cos hospitais. Os resultados organizativos si que os vemos, e habería que estar xordo para non saber a opinión dos profesionais sobre eles. Na prensa e nos centros de saúde está dito alto e claro.
Señor presidente, a atención primaria é moito máis ca números. É lonxitudinal, é dicir, que sexa sempre o mesmo profesional (médico e enfermeira) o que atende a cada persoa, na consulta e no domicilio. A atención primaria é accesibilidade, sete días da semana 24 horas, e non só no centro de saúde ou en urxencias, tamén na atención aos pacientes complexos, como os que requiren coidados paliativos ou os encamados.
A atención primaria é equidade, porque chega a todos os grupos sociais por igual, porque non hai diferenzas por xeografía ou etnia. A atención primaria é integral, é traballar con, para e pola comunidade: unha axenda organizada en dúas quendas como no hospital é estar moi lonxe do que a atención primaria precisa para o seu desenvolvemento. Un traballo con actividades que van máis aló das consultas, que pode ser, por exemplo, camiñar cos pacientes, traballar en grupo, apoiar a todos aqueles activos comunitarios que nolo demanden.
Señor presidente, dea á atención primaria a consideración que os nosos pacientes nos dan, e traballemos xuntos para proporcionar solucións aos problemas actuais para conseguir unha atención sanitaria de calidade.