Pornoimbecilidade

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

31 may 2019 . Actualizado a las 12:38 h.

Colectiva, que é peor. Centos de imbéciles pasando de móbil en móbil un vídeo sexual, coma se iso tivese o máis mínimo interese para alguén. Un medio de comunicación mesmo denominou esa estupidez con outra, «pornovinganza», coma se vivísemos no século XVI e houbese honras que vingar cando unha muller declina un convite sexual. Aínda que noutras ocasións o aceptase. Aínda que se deitase con todo o que se movía. Pero non. O corpo das mulleres non é seu. O corpo das mulleres é deses miles de imbéciles que poboan este país e cren que aínda gozan doutro invento medieval: o dereito de pernada.

 

Iso é o que alguén quixo exercer con Verónica, o dereito a usala por un motivo, tamén, moi cañí. «Por mis cojones», imaxino que diría ese alguén na barra do bar, sen ducharse, lembrando aquel tempo en que tivera algo con esa compañeira que agora xa vivía outra historia de amor, ou outra vida, ou sinxelamente o que lle saía a ela dos ovarios. E, como certos imbéciles non resisten ben a palabra «non», fixo iso que fan tan ben os machos deste país nos seus postos de traballo: exercer un poder viscoso e fedorento para esmagar mulleres coma se fosen lesmas. Chámase acoso.

Así que Verónica se suicidou porque a acosaron, e no medio do acoso non soportou a idea de que un vídeo seu de contido sexual fose difundido por ese imbécil perigoso, o seu acosador. Pouca xente resiste impasíbel a protagonizar as chanzas dun vídeo viral, pero é peor se é sexual, peor se é no teu traballo, moitísimo peor se es muller. Porque os imbéciles se multiplican, anímanse entre eles, actúan en manda mesmo sen coñecerse. Non é pornovinganza, señores, é un delito.

E agora hai unha muller morta máis. Morta de machismo.