Non hai moito faláronme do vakner, un animal salvaxe e maligno que aparece minimamente descrito no diario de viaxe dun peregrino armenio de nome Mártir ou Martiros que foi bispo de Arzendjan (Armenia). Este peregrino chegou a Compostela a través do Camiño do Norte no ano 1491 e, despois de recibir a beizón do Apóstolo Santiago, dispúxose a camiñar cara aos confíns do mundo ata chegar á praia da Virxe, onde atopou a igrexa de Santa María de Fisterra.
Contaba que se enfrontara a grandes contratempos antes de chegar ata alí, atopándose con todo tipo de bestas bravas e perigosas e tamén co temido vakner, do que milagrosamente conseguira fuxir ante o abraio da veciñanza, que non daba creto, xa que, segundo dicían, ata grupos de vinte persoas non foran quen de pasar ante a súa presenza. A denominación de vakner é estraña no noso contexto lingüístico e probablemente fose un préstamo doutra lingua, ou incluso pode que non figurara ben escrita no relato orixinal do peregrino.
Hai moi pouca información sobre o ente ou becho que viu Mártir, pero si se conservan moitas historias escritas sobre el, que falan de diferentes tipos de bestas ou de seres fabulosos, mais dende a racionalidade quizais a explicación máis crible poida ser a que fala dun lobo de grandes dimensións que tivese contraído a rabia selvática, a cal lle provocaba unha gran fereza que o convertía en máis daniño. Certo é que a presenza do lobo está constatada nos montes entre Dumbría e Fisterra naquel tempo e aínda na actualidade.
Por outra banda, vargr en nórdico antigo significa lobo, e o parecido entre palabras é razoable, como tamén o é fafner, nome do dragón máis coñecido da mitoloxía nórdica que, neste caso, podería achegarnos tamén á figura deste mítico animal tan presente nalgunha das nosas máis arraigadas tradicións. Sexa como fose, o vakner está aí, e dende a historia escrita por Mártir chegou a converterse nun asunto de estudo pero, sobre todo, nun importante valor lendario do impresionante tramo do camiño que vai de Santiago de Compostela ata Fisterra.