Os problemas do control horario

Jaime Cabeza Pereiro DECOTÍO

OPINIÓN

07 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Alucino co rebumbio que trouxo a esixencia do rexistro de xornada. Que unha obriga tan elemental se discuta non ten doada explicación. O que sucedeu foi que a maioría conservadora do Tribunal Supremo interpretou cunha literalidade miope e concesiva coas grandes corporacións financeiras a nosa normativa. Así foi ata que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea puxo as cousas no seu sitio o pasado 14 de maio, cando declarou que era unha obriga derivada da normativa comunitaria que haxa un sistema que permita computar a xornada diaria realizada por cada traballador. De feito, a reforma do 8 de marzo foi unha mera anticipación, despois de que xa se publicaran as conclusións do avogado xeral.

A reforma deixou algunhas dúbidas de como se rexistra a xornada. Pero unha cousa son as dúbidas e outra as escusas. Vivimos nun país que, por desgraza, ten un problema endémico de fraude e de informalidade no cómputo da xornada. O tempo de traballo non declarado percorre todos os grupos profesionais e a maioría de sectores de actividade. Na miña opinión, moitas das resistencias que hai fronte á nova lexislación obedecen a entendementos das relacións de subordinación propios de tempos que deberían estar superados.

Canto ás dúbidas, son lexítimas, desde logo, e hainas que resolver. Hai sectores específicos con xornadas especiais para os que a lei prevé especialidades no rexistro horario, que se terán que regular. No entanto, convén lembrar que a normativa non limita a flexibilidade horaria nin tampouco modifica as normas especiais de sectores como o transporte ou a pesca, entre outros. É dicir, non é o chaleco de forza ao que apelan non poucas manifestacións de opinión. Boto de menos na lei que establecese un sistema supletorio de rexistro de xornada para os casos nos que non haxa convenio ou acordo de empresa e esta teña dúbidas na súa posta en marcha. Facilitaría máis as cousas que unha guía como a publicada polo ministerio, que ten algunha lagoa. Pero teño a absoluta seguridade de qué é unha norma que unicamente pon dificultades de fondo ás empresas incumpridoras. As TIC permiten sistemas de rexistro sinxelos e económicos para a súa levanza, tamén no caso dos traballadores móbiles ou dos teletraballadores. Sistemas que ademais garanten a súa inmediata dispoñibilidade para a Inspección de Traballo e para a representación dos traballadores. Por todo iso, entendo que é unha normativa que debería producir consenso social. Os pequenos problemas adaptativos que poida haber son iso: pequenos e simplemente adaptativos.