Pola equidade na ABAU

OPINIÓN

JESÚS PRIETO

15 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O desenvolvemento os pasados días das probas da Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), antes coñecidas como selectividade, volveu abrir o debate sobre o agravio que representa para o alumnado a existencia dun diferente grao de dificultade nos exames segundo a comunidade autónoma na que se realicen. Galicia é, precisamente, unha das comunidades que sofre este agravio ao ter un maior nivel de esixencia que dificulta a obtención de cualificacións altas e, polo tanto, o acceso ás titulacións cunha nota de corte máis elevada.

No marco dun posible Pacto Social e Político pola Educación, e conscientes desta realidade, a Xunta xa instou o pasado decembro ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a que articule un procedemento de acceso á universidade no que as probas garantan o mesmo nivel de esixencia e a igualdade de oportunidades para o alumnado, independentemente de en que comunidade autónoma resida. A demanda, froito dunha Proposición Non de Lei aprobada polo Parlamento de Galicia, segue sen ter resposta.

O noso alumnado non pode seguir soportando, un ano máis, un debate que só contribúe a incrementar a tensión ante unhas probas que condicionarán o seu futuro. Por isto, e dada a inacción do Goberno central, desde a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional xa estamos a traballar para impulsar accións que garantan un exame equitativo de acceso aos estudos universitarios.

É preciso, xunto con representantes das universidades e dos centros de ensino secundario de Galicia, realizar unha análise comparativa da situación e deseñar as medidas axeitadas que nos leven a unha proba única ou, cando menos, equilibrada e que compense o esforzo feito durante o bacharelato.

En Galicia temos un sistema educativo consolidado, que avanza ano tras ano cara á excelencia, tal e como demostran diversos indicadores de carácter nacional e internacional. A ABAU debe ser acorde a esta realidade e, desde o respecto ás características do sistema educativo galego, ser tamén unha proba equitativa, xusta e que recompense a excelencia, cun nivel de esixencia parello no conxunto do Estado e axeitado ao currículo impartido en cada comunidade.