A excepción viguesa

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

Caballero, recogiendo el bastón de mando
Caballero, recogiendo el bastón de mando M.MORALEJO

17 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O socialista Abel Caballero, veterano no mellor sentido da palabra, por vida e por experiencia, está disposto a seguir á fronte da alcaldía viguesa mentres o corpo aguante e todo parece indicar que ten ganas e forza abonda. Non hai outro caso semellante na recente historia política das grandes cidades. Se acaso, en vilas de pequeno e mediano tamaño pode darse unha confianza prolongada entre veciños que se atopan na rúa, ou no bar, case sen remedio porque as dimensións son as que son. Mais non é a circunstancia da maior cidade de Galicia, onde o raro é coincidir e na que é posible vivir cunha privacidade difícil de atopar noutras onde se convive máis nos espazos comúns.

Porén, a Caballero é doado atopalo paseando con Cristina, a súa compañeira, pola rúa do Príncipe ou pola Porta do Sol, ou na práctica totalidade dos actos e eventos públicos que teñen lugar decote en barrios, parroquias ou centro da cidade. Saudado por quen se cruza con el, vese que goza do contacto coa xente demostrando unha notable evolución da súa personalidade que, noutrora, era reservada e case tímida. Este alcalde, que se deixa tocar e escoita a quen lle fala, en persoa ou desde a televisión local, non é unha imaxe con antecedentes nesta cidade que non se asemella a ningunha outra en Galicia e que tanto parecido ten coas grandes urbes latinoamericanas. Se acaso, Manolo Soto e Corina Porro foron tamén políticos que camiñaban todas as rúas, pero os doce anos que leva facéndoo Caballero, ininterrompidamente, consolidan unha actitude que está a ter a súa recompensa.

O traballo a prol da autoestima da cidadanía é unha das claves do seu éxito, porque Vigo carece das vantaxes das capitais de provincia e precisa loitar por cada servizo público de competencia estatal ou autonómica, nun exercicio permanente de vindicación. A superación do endebedamento histórico das contas municipais e unha xestión criticada polas elites culturais pero aprobada polos sectores económicos e o pobo ?no sentido máis tradicional do termo? confirman que a súa fórmula responde ás expectativas, e mesmo as supera, da maioría con dereito a voto. O dato de acadar o apoio de máis do 67 % da poboación e preto do 75 % da que ten dereito a voto (101.000 votantes dunha poboación de 294.000 habitantes) é incontestable. A todo o anterior hai que engadir a desenvoltura con que utiliza o recurso da máxima exposición pública como rexedor que igual pregoa o entroido como presenta a Raphael ou frecuenta os medios cun perfil entre amable e humorístico, até convertelo nunha característica dun liderado, como mínimo, absolutamente orixinal.

Daquela, o excepcional nivel de empatía e complicidade conseguida cos votantes polo alcalde máis apoiado de España merece unha reflexión. O recoñecemento xa llo deu, sobradamente, a cidadanía.