Cada día escríbese peor, mesmo nos ámbitos académicos ou culturais, que deberían dar exemplo. Tense chegado a un preocupante abandono, con faltas de ortografía imperdoables, mala redacción e incapacidade para expresar con coherencia o que se quere comunicar. Tamén se recuou en aspectos instrumentais básicos, como é a velocidade. Basta con ditarlles un texto aos estudantes, incluso universitarios, para comprobar a absoluta incapacidade de manter un ritmo que non hai moito tempo superábase en etapas anteriores. E corrixir exames ou traballos dos máis altos niveis académicos corrobora as citadas carencias e provoca moitas dúbidas sobre o sistema de avaliación. De que serve que un alumno estude e domine a materia se non se sabe expresar? Que cualificación se outorga a traballos mal redactados e estruturados ou con faltas de ortografía?
Quedo con tres causas desta desfeita. A primeira está na vixente planificación legal do ensino primario. Currículos excesivos e horarios ríxidos que obrigan a abranguer moito, pero apertar pouco. Saben moi ben os mestres que habería que prescindir de contidos e de libros de texto, para centrarse na lectura e na escritura ata que estas se consoliden e se convertan en hábitos, esenciais para o éxito escolar. Onde van os ditados, copias, redaccións ou resumos cotiáns, reiterados ata a fartura na aula ou mesmo na casa? Os bos profesionais acaban tirando a toalla, véndose obrigados a algo que vai contra a súa natura: permitir que os alumnos ascendan no sistema sen dominar ben lectura, escritura e cálculo, con todas as súas connotacións pedagóxicas.
A segunda causa está na falta de hábito lector, imprescindible para o adecuado progreso do estudante. Lectura e escritura son interdependentes e non hai mellor manual de ortografía e redacción que acostumarse a ler, potenciando a rapidez e a comprensión. Volvemos ao dito, onde van na escola as constantes lecturas en voz alta, coidando a entoación de acordo cos signos de puntuación? E as silenciosas coa boca pechada, potenciando a rapidez e seguidas de resumos do lido? Cónstame que se seguen a practicar, pero non co grao e a asiduidade que require esta aprendizaxe.
Por último, que podería ir en primeiro lugar, está o mal uso das tecnoloxías. O rato ou o teclado substitúen fóra da aula ao bolígrafo, pero non para potenciar a escritura, senón para xogar ou navegar pola Rede, sen orde nin control. Deste xeito, o alumno non atopa no ámbito virtual motivación ningunha para escribir e por riba accede a páxinas web que deforman as aprendizaxes adquiridas. Pésima morfoloxía, sintaxe e ortografía convértense en modelos que alimentan a anarquía expresiva, que o estudante acaba arrastrando de xeito inconsciente ao ámbito académico. A escola vese obrigada, unha vez máis, a intentar baleirar con culleres o recipiente que outros enchen fóra con caldeiros.