Navantia (para bellum)

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

21 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa tópico o dito de Gonzalo Torrente, Ferrol me fecit (imitando o England me fecit doutro grandísimo narrador, Graham Greene). Mais é ben acertado: Ferrol e a Ferrolterra teñen un carácter especial, consolidado co paso dos séculos. A bisbarra vive a soñar barcos, que dan choio, que traen alegría a un pobo entre industrial, mariñeiro e agricultor. A xente ferrolterrá afíxose a que veñan os pedidos, moi segura de que ‘o máis parvo de nós fai paraugas’. Non reina o costume de ir buscar choio para traelo a gradas e diques. Nunca prosperou o espírito vendedor que fai ás vilas medrar, aínda máis se o pobo é artesán de raíz.

Por iso sorprende que os de Navantia tenten vender, e que o vaian facer polo mundo adiante. Ofrecen barcos, turbinas, elementos de aeroxerador..., canto se lanzaron a deseñar, construír e reparar. Navantia, mal vista por pacifistas teóricos, representa unha chamada de atención á cidade que esmorece cando o Estado non ten fondos para a Armada. Para bellum (e, se non o fas ti, vaino facer outro): seica Ferrol vai contar cun novo monumento á tecnoloxía, un estaleiro cuberto máis alto cá catedral de Santiago, onde se han construír fragatas de avanzado deseño. Oxalá este novo fito da bisbarra axude a animala, e a facerlle abandonar a mentalidade pasivista.