Arquitectura e sociedade manteñen, ao longo do tempo, unha relación alterna de distanciamento e encontro. Ata os anos setenta do século pasado os arquitectos éramos poucos e se nos consideraba «prohombres influyentes». A creación do Colexio de Arquitectos de Galicia nos estertores do franquismo foi relevante no plano cultural e político como unha plataforma de acción avanzada mentres, contraditoriamente, mantiña unha regulamentación gremial e arcaica.
Nos oitenta e os noventa asistimos ao impulso dos temas urbanos, sobre todo desde as corporacións municipais democráticas. Era inevitable que algúns arquitectos nos incorporásemos á política municipal, aínda que a nosa vocación non fose precisamente esa. Daquela experiencia é un bo testemuño o parque compostelán de Bonaval, proxecto común no que, por certo, a prezada colaboradora de Álvaro Siza segue reclamando un protagonismo que non lle corresponde. John Hejduk xogou un papel significativo como referente teórico; o seu entusiasmo irradiou ao traballo colectivo e plasmouse nun edificio singular e nun poema dedicado a Compostela.
A carón do encargo de pequena escala apareceu a arquitectura fantástica, que tantos desgustos ocasionou en España; logo a crise tumbaría a grande envergadura e, de paso, a pequena. Mentres tanto, as escolas de Arquitectura proliferaron e, xunto ás oficinas de rehabilitación, permitiron a formación dos novos arquitectos imbuíndo, desde a experiencia das cidades, a necesidade de volver enfocar o traballo cara á escala do espazo público ou dun centro social.
O arquitecto do século XXI ten que espertar e retomar o perfil contextualizador, manexando intelixencia e sensibilidade para coordinar e colaborar con outras profesións que se incorporaron aos problemas urbanos, saíndo de vez en cando da cápsula do deseño para mirar, pasear e entender o espazo público e superando con ánimo a maraña normativa.
Trátase de estiñar as feridas do inmobiliarismo e da crise posterior indagando novas formas de convivencia entre a cidade e a arquitectura, onde a enerxía e a mobilidade marcan unha pauta. Máis ca construír irreflexivamente, a alternativa é rehabilitar o parque de edificios existente que tanto interese inmobiliario suscita nos fondos investidores aos que, a par do lexítimo negocio, hai que esixirlles un compromiso explícito coa cidade e as súas circunstancias de habitación.
Os proxectos son hipóteses, a execución das obras é a tese e o uso dos moradores é o máster. Resulta oportuno facer un brinde pola arquitectura e o seu contido social, porque exerce unha influencia positiva no contorno, crea cidadanía e fomenta a cultura cidadá. Achegar a formación dos novos profesionais á fenomenoloxía urbana cunha actividade que lles garanta os recursos para viviren dignamente debe ser un obxectivo. Con permiso de Brecht, calquera arquitecto pode ser necesario, pero os que fan boa arquitectura son imprescindibles.