Hai anos, nun estraño recital en Portugal, un poeta histriónico preguntaba pola utilidade da ficción e dos escritores. Sospeito que moitos dos que alí estabamos tiñamos as nosas respostas, pero ninguén, talvez por prudencia ou medo á súa reacción, contestou.
Lembrei isto porque, logo do rebumbio mediático, eu tamén caín no engado de ver a miniserie Chernobyl, baseada na novela Voces de Chernóbil da premio Nobel Svetlana Alexiévich, que agora devolve á actualidade o accidente acontecido na central nuclear ucraína en 1986.
Tratar un tema de semellante envergadura era un desafío, e coido que foi superado con solvencia. De aí o seu éxito e a reacción dalgúns medios rusos, próximos ao Kremlin, que ven unha sorte de conspiración contra ese país e seica preparan o contraataque con outra serie.
O curioso deste medo, ou ofensa, está precisamente no poder da ficción como ferramenta para conformar o pasado.
Sen desprestixiar a Historia con letras maiúsculas, a imaxe que a sociedade ten hoxe de moitos conflitos vén máis da ficción que da propia realidade ou da lectura científica de libros de historia.
Poderiamos dicir que o Holocausto ou a Guerra Civil, como exemplos, se converteron nun gran relato composto por miles de novelas, diarios, películas, series, ensaios e documentais, que configuran a paisaxe duns acontecementos tan traumáticos.
Non sei se este é o mellor camiño para a verdade, pero o certo é que, nun mundo tan visual, a influencia destas novas narrativas na formación da memoria colectiva é máis que evidente.
Por iso, á pregunta do poeta portugués, eu diríalle que os escritores e a ficción somos máis necesarios ca nunca, aínda que, como no caso da miniserie Chernobyl, a premio Nobel non apareza nin nos créditos.