Un proxecto de país

OPINIÓN

24 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se ve por ningures que algún político o teña. O que se ve, en canto ás tres dereitas, é que o único tema que con verdadeira teima manexan é o de Cataluña, mesturando allos con bugallos -nacionalismo e independentismo metido todo no mesmo saco- e artigo 155 indefinido. Todo un programa de proxecto de país.

 E a esquerda, ou o que por tal cousa se acostuma ter, non anda moi afastada da dereita, cando menos en canto a proxecto de país. E cando suxire, con moita cautela, algunha posibilidade, faino sen concretar medidas ou decisións que cómpre adoptar. Por exemplo, sabe alguén que queren dicir os que din que España é un Estado plurinacional, proposta que, sen máis explicacións, pouco ou nada nos ensina e nada nos suxire sobre o que por proxecto de país se entende?

Un proxecto de país ten por forza que ser ideado tendo moi presente que nel han caber todos, nacionalistas e non nacionalistas, sen exclusións, e que debe satisfacer as necesidades e aspiracións do conxunto da sociedade. Isto é xusto o que botamos en falta, do que está orfa a política española de hoxe, incluída a galega, perdida sempre en pequeneces.

Ben sei que moitos pensan que é imposible poñer en práctica ese proxecto (sen saber aínda en que consiste, por non habelo), porque pensan que os políticos que temos están mergullados noutras cousas máis inmediatas e máis pequenas e, tamén, que ese proxecto os excede. Mala cousa, se así fose.

Pero, aínda que así fose, polo menos haberá que intentalo dalgunha maneira, tratar de convencer á sociedade de que estamos nun ciclo esgotado, que ese proxecto nos comprende a todos, que non pode haber exclusións e que todas as forzas políticas o asuman. Máis ca un desiderátum pensamos que é unha necesidade. E moi urxente.