Xa sabemos o prezo que están pagando os asalariados galegos pola crise: 3.528 millóns de euros. Dío o Instituto Galego de Estatística nun estudo recente sobre os salarios en Galicia, que permite cuantificar o importe da factura que pagaron, e seguen pagando, os asalariados pola austeridade e a desvalorización salarial. Atención, son 3.528 millóns de euros... cada ano. Un tras outro.
Este é o altísimo prezo que pagamos por unha crise que provocaron outros e pola política económica imposta a partir de 2010, culpable dunha redistribución inxusta da riqueza, porque o que perden os salarios gáñano as empresas. En 2009 o 48 % da riqueza producida en Galicia destinábase a retribuír ás persoas asalariadas. Dez anos despois, en 2018, a participación dos salarios apenas supera o 42 %, unha caída de case seis puntos que, tendo en conta o volume do PIB, equivale a eses 3.528 millóns de euros.
Para que se entenda, isto é o que, cada ano, deixan de recibir os asalariados, unha cifra enorme que a converte nunha das facturas máis gravosas derivadas da crise estafa e das políticas neoliberais. Aínda que é só un xogo aritmético, se dividimos o total da masa salarial perdida entre o número de persoas que a sofren obtense un resultado demoledor: cada asalariado perde máis de 4.000 euros anuais.
O máis preocupante é que estes efectos negativos non quedan no pasado, nin se limitan a un só exercicio: son permanentes e estenderanse no tempo se non se dá marcha atrás nas decisións de política económica e laboral que causaron esta situación. O estudo do IGE evidencia que o crecemento económico non serve para corrixir de forma automática este grave desequilibrio na distribución da renda, porque malia que a economía e o emprego volveron crecer a partir de 2015 o peso dos salarios no PIB segue estando hoxe por baixo do nivel dese ano. Dito noutras palabras, a economía saíu da recesión, pero a sociedade segue sufrindo a crise porque o crecemento apenas se traslada ao benestar social. Aínda máis: en 2018, o cuarto ano da fase expansiva da economía, a participación dos salarios no PIB apenas mellorou unha décima, unha cifra irrelevante que nos di que sen cambios estamos condenados a seguir neste modelo desigual e inxusto.
Cambios que teñen que empezar por derrogar as reformas laborais, a de 2010 e sobre todo a de 2012, que son as principais responsables da desvalorización salarial que está detrás da caída do peso das rendas do traballo no PIB. Os salarios creceron moito menos que a produtividade e que a inflación e, por iso, malia que Galicia en 2018 xa superou o nivel de riqueza previo á recesión, hai menos persoas traballando, con empregos máis precarios, con moitas persoas ocupadas a tempo parcial, con salarios recortados e cun peso maior e crecente das actividades de baixo valor e salarios baixos.
Esta debería ser unha das prioridades do novo goberno: reequilibrar o reparto primario da renda devolvéndolle aos asalariados o que perderon coa crise, e facelo con emprego de máis calidade e con mellores salarios.