Táboa periódica 3D

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

14 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Celebramos 150 anos da táboa periódica, unha orla de elementos químicos que di como se comporta cada un en función da casiña que ocupa nela. Nas da columna esquerda están, entre outros, litio e sodio, que se comportan de xeito semellante. Nas da segunda pola dereita están flúor e cloro, tamén semellantes. A táboa periódica ata nos predí que sodio e cloro van casar moi ben (creando sal). Coa chegada da nanotecnoloxía habería que engadir unha terceira dimensión a esa táboa: unhas columnas cara arriba que nos digan como cambian as propiedades de cada elemento en función do número de átomos que agrupemos del. Unha partícula de tres átomos de prata non se comporta coma unha de cinco, nin como a prata das nosas xoias.

Sábeno ben na empresa galega Nanogap (creada por compañeiros do meu grupo de investigación na Universidade de Santiago). Unha filial desta empresa vén de gañar un premio internacional por descubrir unha terapia anticanceríxena innovadora (La Voz, 11 de xullo) usando partículas de tres átomos de prata, que consegue multiplicar o efecto da quimioterapia en certos tumores resistentes. A intención é matar as células tumorais (identificadas por se dividiren máis rápido) atacando o seu ADN. Ocorre que o ADN (unha molécula enorme e lonxilínea) non está estirado coma se fose un cabelo liso, senón que está moi enmarañado, e ás terapias habituais cústalles penetrar nesa maraña. A idea para mellorar esa penetración foi algo que evoca o que fan os xampús acondicionadores de cabelo: alisar esa molécula de ADN. Como? Grazas ás particulares propiedades deses tríos de átomos de prata.