A Real Academia Galega de Ciencias

Juan M. Lema Rodicio

OPINIÓN

18 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O artigo de opinión publicado o 11 de xullo polo profesor Jaime Gómez Márquez dáme pé para seguir informando á sociedade sobre a razón de ser da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Aínda que o intentamos, temos moitas dificultades en transmitir os nosos obxectivos e actividades, mesmo aos nosos colegas científicos. A misión da RAGC é «promover a ciencia e a tecnoloxía e a súa influencia na sociedade, difundindo a cultura e os valores científicos, creando opinión dende a independencia, para contribuír ao desenvolvemento social e económico de Galicia». Nin máis nin menos. Moi ambicioso, pero coa ilusión de facelo realizable, contando con recursos moi limitados pero co entusiasta e desinteresado labor dos académicos. Para lograr este obxectivo actuamos e comunicámonos coa sociedade civil, a científica, a educativa e a político-administrativa con ideas, accións e discursos específicos.

Temos deseñado ciclos de conferencias divulgativas a impartir nas sete cidades galegas, ademais dos xa tradicionais cursos especializados en temas á vangarda da ciencia e a tecnoloxía, impartidos dende hai máis de 20 anos en Santiago e Lugo, e que pretendemos estender a outras cidades galegas. É importante salientar que neste ano os académicos e as académicas impartirán máis de medio cento de conferencias de divulgación en centros de ensino e que a exposición «Científicos Galegos» percorrerá ata dez institutos e colexios en Galicia.

Ben recentemente temos entregado os premios da sexta edición de Contar a Ciencia a catro brillantes estudantes de Xornalismo e Ciencias da Comunicación, tratando de estimular o seu interese polo ámbito científico, e en novembro entregaranse os premios Galicia de Xornalismo Científico na súa cuarta edición, incentivando así a difusión da ciencia nos medios de comunicación. Dende hai once anos a RAGC promove o Día da Ciencia en Galicia, a celebrar o 8 de outubro, data de nacemento do Padre Feijoo. Este ano estará dedicado a Tomás Batuecas, presidente da Comisión Internacional de Pesos Atómicos entre os anos 1960 e 1963, o que resulta indicativo do seu nivel internacional. Foi o único español que presidiu esta comisión da IUPAC nos 120 anos de historia desta institución. Neste contorno organizarase una exposición sobre química e sociedade no pazo de Fonseca da USC, e posteriormente na Coruña e Vigo, tratando de informar á sociedade sobre o impacto decisivo da ciencia e a tecnoloxía sobre os cidadáns.

Para recoñecer o traballo das científicas e os científicos deseñamos dous programas. Un, que chega á súa duodécima edición e que valora traballos científicos de investigadores mozos e consolidados mediante os premios Ernesto Viéitez; e, este ano, unha nova iniciativa pola que se concederán as Medallas de Investigación da RAGC ás traxectorias de cinco científicas e científicos, nos cinco ámbitos da academia: Bioloxía-Ciencias da Saúde, Ciencias Económicas e Sociais, Ciencias Tecnolóxicas, Matemáticas-Física- Ciencias da Computación e Química-Xeoloxía.

Pretendemos estimular e recoñecer, mediante os premios Francisco Guitián, Fernando Calvet e Ramón Bescansa, a transferencia de resultados de grupos de investigación a empresas innovadoras, pero tamén ás empresas que desenvolvan de forma efectiva estes resultados, que, ademais do indubidable interese científico, contribuirán a mellorar o desenvolvemento económico da sociedade galega.

E adianto un acordo atinxido entre a RAGC e o Parlamento de Galicia polo que os académicos se brindan a asesorar os parlamentarios en temas de ciencia e tecnoloxía, tratando así de contribuír á mellor toma de decisións políticas. Proximamente darase cumprida información pública sobre este acordo. Asemade temos cursado este ofrecemento a outras institucións da Administración pública galega. A RAGC vaise renovando progresivamente (18 dos 33 actuais académicos incorporámonos nos últimos 5 anos) e, asemade, este ano proporanse «académicos correspondentes» nas cinco seccións da RAGC, tratando de ampliar perfís de ámbitos de coñecemento e procurando incrementar a nosa (limitada) capacidade de acción.

O traballo da RAGC non sería posible sen o apoio externo de moitas entidades, tanto públicas como privadas. Neste sentido, permítome agradecer a colaboración da Axencia Galega de Innovación, do Consello da Cultura Galega, da Secretaría Xeral de Universidades, da Universidade de Santiago, das deputacións de Lugo e A Coruña, das fundacións Barrié e La Caixa e da Confederación de Empresarios de Galicia. Seguiremos traballando para ampliarmos a nosa rede de colaboradores e potenciar novas actividades pola ciencia e a tecnoloxía galega. Tan convencidos estamos de que somos útiles para atinxir unha sociedade máis culta e lograr a través da ciencia e a tecnoloxía un maior e mellor progreso social e económico como de que debemos ser moitos traballando acotío neste cometido. Nós faremos a nosa parte!