
No seu libro A arte da negociación Donald Trump defende o que chama «hipérboles verdadeiras», ás que caracteriza como «unha forma inocente de esaxeración». Pouco importa que, pasado o tempo, o negro literario que lle escribíu o libro renegase do termo, como conta Julian Baggini na súa Breve historia de la verdad, e dixese que unha hipérbole verdadeira «é unha forma de dicir que é mentira, pero ¿a quen lle importa?». Un político americano doutra época, Patrick Moynihan, senador demócrata e sociólogo de profesión, que chegou a colaborar coas Administracións de Kennedy e de Nixon, formulou nos anos 90 do ano pasado unha hipótese que explica o éxito das hipérboles verdadeiras de Donald Trump. Según Moyniham, cando as regras escritas e non escritas habitualmente respetadas no seo dun grupo social se infrinxen unha e outra vez, ese grupo social tende a relaxar o que se consideraba unha desviación, e por tanto a «modular a normalidade». O fenómeno Trump, probablemente o máis destacado exemplo de «modulador da normalidade», e os efectos expansivos que esas mutacións da política están a provocar nas demais democracias, é o que leva a moitos politólogos (Levitsky e Ziblatt, por exemplo) a advertirnos dos riscos de considerar con demasiada frecuencia como «normal» o que non hai tanto tempo era abertamente anormal.
Esta semana comeza en España cunha sesión de investidura. O normal, ata o de agora, é que chegásemos a ela coa constatación polo rei, tras as preceptivas consultas, da existencia dunha maioría (dun grupo ou tras un pacto entre grupos) que levaría ao xefe de Estado a propór un candidato cuxa elección estaría garantida, ben en primeira votación (con maioría absoluta) ou en segunda (con maioría simple). E os días previos a prensa estaría dando conta dalgúns dos aspectos programáticos que o novo Goberno, en solitario ou froito dos pactos, tería pensado executar unha vez investido.
É obvio que iso non é o que está a ocurrir. O candidato proposto polo rei aínda hoxe, varias semanas despois, non conta cunha maioría, cando son posibles varias ás que podería formar. Do programa apenas se ten falado. Neste período, o Congreso, en vacacións parlamentarias desde o 30 de xuño, non ten, a 20 de xullo, constituída a Deputación Permanente, órgano que sustitúe ao Pleno cando o Congreso está pechado. Como consecuencia e pese a terse celebrado un dos máis importantes cumios comunitarios, no que se elixiron os responsables da dirección da Unión Europea para os próximos anos, o presidente (en funcións) non ten dado conta da súa posición diante dos representantes da soberanía popular, como viña sendo normal ata hoxe. Noutro ámbito, tras unha anormal proliferación de decretos en etapa preelectoral, as comunidades autónomas observan como o Goberno non aproba a actualización das entregas a conta ás facendas autonómicas, xerándolles un anormal burato nas súas contas, que unicamente favorece (casualidade) ás previsións de cumprimento de déficit da Administración central. E en ausencia do más mínimo control parlamentario (as Comisións parlamentarias tampouco están constituídas) cada vez que unha institución independente fai público un informe crítico con alguna política gubernamental, o Goberno en funcións resposta criticando a esa institución: temos escoitado desde peticións de perdón ao Banco de España, ata descualificacións a informes da AIREF.
E atendendendo a pasividade da opinión pública un ten a impresión de que tamén en España imos normalizando a anormalidade. Pero podemos estar tranquilos. Aquí a modulación da normalidade a protagoniza Pedro Sánchez, e non Donald Trump.