Fumes innecesarios

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

29 jul 2019 . Actualizado a las 13:11 h.

Non hai moito, para criticar Madrid Central, unha política apuña os atascos coma un ben. Metedura de zoca que explica a importancia que para moitos ten o tema da contaminación. Eu non entendo como compañeiros poden ir en coche a un traballo que teñen a apenas cincocentos metros da casa. Levan o coche a todas partes coma unha prolongación do corpo e non se decatan de que están a pór en perigo o planeta.

Traballei en Madrid uns anos e tampouco me cabía na cabeza como, tendo o metro, alguén podía preferir o coche e os atascos, que lle levaban máis tempo e cartos. Sospeito que para animar a deixar o coche no garaxe hai que acondicionar as vilas, ás veces con prohibicións e outras con infraestruturas. Os que vivimos en Boiro sabemos o que custou peonalizar unha das arterias que, hoxe, cun quilómetro de lonxitude, é unha das rúas con máis vida do Barbanza. Lembro xente manifestándose na súa contra e levando as protestas mesmo até as portas do Congreso dos Deputados. Inaudito. Hoxe ninguén pon en dúbida que as obras foron un éxito, non tan fulgurante coma en Pontevedra, pero case. Dende hai anos, moitos tamén nos queixabamos de que a vila non estaba preparada para a bicicleta e, por sorte, dende hai uns meses, o Concello abriu un camiño ao pé dun regato que conecta a vila co paseo da praia, algo que me permite ir traballar sen pór o pé no chan. O traxecto apenas me leva dez minutos e o mellor é que non teño que convivir cos coches, un privilexio case holandés, onde as bicis sempre levan a razón e son as raíñas. O curioso é que todas as mañás, mentres pedaleo, feliz, vexo algún compañeiro saír encarnado de camiñar nunha máquina do ximnasio antes de coller o coche para ir a ese traballo que está a tiro de pedra. Triste.