Armarse de sentido

OPINIÓN

LARRY W. SMITH | Efe

09 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha vez máis, Estados Unidos acolle matanzas, desta volta en El Paso e Dayton, e laiámonos por esa trintena de vítimas produto do odio e, tamén, do fácil acceso ás armas. Xa hai poucos lugares que non teñan vítimas que honrar. Non hai moito, a demócrata Elisabeth Warren intuía que a esperanza estaba na mocidade, que era a que ía liberar o país dese andazo armado. Non estaría mal, pero sospeito que non vai ser tan doado, non só polas retóricas violentas do propio presidente Trump ou a influencia que a Asociación Nacional do Rifle ten no Congreso, senón tamén porque as armas están inseridas fortemente na cultura americana e son unha industria poderosa. A prohibición pode ser unha solución sempre en cando vaia acompañada da educación.

Non hai moito circulaba polas redes o vídeo dunha nena americana que esgazaba un envoltorio e recibía, entusiasmada, o agasallo dunha escopeta de caza. Aínda que hoxe arrepíe ver algo así, nun principio puiden entender a súa emoción porque a min, cando tiña a súa mesma idade, un meu tío converteu o meu aniversario nun día especial regalándome unha escopeta de balotes, algo que competía en emoción coa navalla portuguesa que me dera o meu avó. Evidentemente, os dous aniversarios están separados por máis de corenta anos, pero a diferenza fundamental sospeito que é a da perspectiva dos pais e o sentido común. Os da nena americana gravan o momento e están cheos de orgullo. Os meus, pola contra, torcen o fociño porque non lles fai ningunha graza o agasallo dese meu tío que ten sona de tolitates. Recoñezo que durante uns días intentei matar paxaros coma unha prolongación da fantasía das películas do Oeste que viamos no cine, pero deixei de o facer axiña en canto unha rapaza que me gustaba moito me chamou salvaxe. Man de santo.