Lixo no teito do mundo

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

David Gray | Reuters

11 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O meu amigo Antonio, afeccionado ao alpinismo, que subiu varios cumes de 8.000 metros, entre eles o Everest (8.848), mándame unha colección de fotografías para testemuñar a masificación turística do teito do mundo, fotografías semellantes á do nepalí Nirmal Purja que petou en todos os medios a través da axencia France Press, e outras que apareceron despois. Quen se lembra da ascensión primeira de Hillary en 1953, acompañado do sherpa Norgay, soíños os dous naquelas inmensidades, que nos contaban de rapaces coma unha das grandes fazañas do ser humano, semellante á pegada logo de Armstrong na Lúa en 1969? Da pegada de Amstrong ben me lembro de vela na televisión, o meu tío Pepe e mais eu, na súa casa da Coruña. Da historia de Edmund Hilary soubemos polos tebeos, que agora chaman cómics, e mais polas clases de don Mariano, profesor de Ciencias Naturais no instituto de Pontevedra.

As fotografías do meu amigo Antonio son espectaculares, mais eu diría que tamén un algo desacougantes. O cume do Everest, que na nosa infancia era certamente o teito do mundo, inaccesible para os seres humanos, agás Hillary e Norgay, hoxe semella unha pasarela pop. Arredor de 270 persoas fan cola para acceder á cota e facerse a correspondente fotografía de recordo, uns segundos de gloria que os sherpas intentan controlar con bombonas de osíxeno e ás veces con helicópteros. Todo depende da excursión. Sen extras seica anda polos 100.000 euros. A saber en canto poñerán os primeiros paseos pola Lúa. «Tal parecen as ringleiras do pórtico da Gloria», escribe o meu amigo ao pé das fotos. A todo chegaremos. Todo depende de se somos quen de baixar ao Apóstolo da peaña con tecnoloxía 3D. Tal como veñen as cousas alguén debe de estar a pensar xa niso.

Pero o que máis me impresionou da serie fotográfica foi o lixo. Toneladas de sucidade, ciscallo, desperdicios de toda clase, latas de bebida e de conserva, xiringas, bolsas de plástico, roupa estragada, envases que xa non serven, equipos abandonados, refugallo das visitas que deixan tras de si a súa aparatosa pegada, material non biodegradable que alá queda para sempre. Os que subiron ata alí poden confirmalo. Hai caeiras enteiras, derrubadoiros inmensos cheos de estragos da civilización. Os que acceden a estes cumes pagan un imposto importante que a Administración do Nepal xustifica en parte para limpar os restos, e mesmo de cando en vez organízanse partidas de voluntarios para levantar as verteduras, pero o problema segue a medrar. Aínda podemos volver a falar desta cuestión noutras mareas. Unha das características da civilización, tal e como hoxe a entendemos, é a súa capacidade destrutiva. O progreso ten dúas caras que non damos xestionado. Lembrádevos de cando iamos aos recados coa bolsa de rede e traiamos as mercadorías da tenda en cartuchos de papel?