Sempre desconfiei das enquisas, sobre todo daquelas relacionadas coa intimidade. Para sermos francos, nas respostas tamén precisamos de certa intimidade e anonimato. Cando alguén nos pregunta en directo, o máis normal é finxir e encher o peito de vaidade para soltarmos non o que é, senón o que nos gustaría que fose. Por iso, unha vez máis, leo con certa prudencia os resultados que a empresa Control tirou da mocidade española sobre o tema da práctica sexual, onde galegas e galegos ocupamos un sétimo posto no total do Estado.
Coido que, máis que a posición acadada por mor da frecuencia con que o facemos, o que nos debería preocupar é a calidade, a forma, a imaxinación e, por suposto, a caída no uso do preservativo. Lendo a fondo a enquisa é doado chegarmos á conclusión de que o patrón falocéntrico da pornografía segue a rexer as posturas e a fantasía da mocidade. Aí é onde coido que debe intervir unha boa educación para construír o sexo coma un lugar de pracer e respecto, en contraste tamén coa sacralización que as relixións fan do asunto. Con todo, como estamos a falar da intimidade dos máis mozos, podemos falar apenas de tendencias. Pero se falamos do sexo na terceira idade, malia que moita xente aínda pense que a eses anos o sexo non pode ser máis ca unha ilusión, non hai moito que a prensa recollía unha enquisa sobre a práctica sexual das persoas entre os 65 e os 75 anos. E o curioso é que os datos tirados desa enquisa si estaban para botar foguetes, porque nesa franxa de idade seica se fai dúas ou tres veces por semana. Algo insólito que levou a un meu amigo, que adoita tomar en serio todo o que sae no xornal, a recortar a noticia e pegala na porta do frigorífico, agardando por esa xubilación tan desexada.