Alcalde paseado, alcalde fusilado

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Casas da Fonte de S. Antonio 8 e Preguntoiro 18, en Santiago.
Casas da Fonte de S. Antonio 8 e Preguntoiro 18, en Santiago. DENÍS E. F.

31 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tan brutal como real, en consecuencia co terror e o horror polo que pasaron no segundo semestre de 1936 dous alcaldes de Santiago de Compostela, Ánxel Casal e José Germán Fernández.

Analizar o pasado esixe contrastar constantemente os feitos na busca da maior verdade, superando prexuízos ideolóxicos que poidan impedilo. A nós tócanos ler a historia con espírito crítico e sensibilidade para intuír as situacións dramáticas no seo das familias, dos amigos e veciños que viron a barbarie en primeira liña. A sociedade daqueles anos estaba rota, con posturas extremas e violentas, e un sanguinario golpe de estado truncou a inestable democracia para implantar odio e represión durante os anos vindeiros.

Imaxino aquel 23 de febreiro de 1936, cando se constitúe a corporación municipal interina e a ledicia na toma de posesión de Ánxel Casal, editor comprometido, e José Germán Fernández, militar retirado, como alcalde e primeiro tenente de alcalde. Aqueles concellos non partían dun plebiscito, senón que foran designados pola Fronte Popular entre os membros do abano político, o que implicou a súa febleza e dimisións sucesivas de concelleiros, xa desde o mes de maio. O grupo compostelán do Partido Galeguista obriga os seus representantes a abandonaren a corporación, o que fan efectivo o 7 de xullo mediante un conciso escrito de dimisión de Casal e os outros seis concelleiros, no que remarcan a súa condición de interinidade.

Nos plenos seguintes vanse presentar máis dimisións, incluído o propio José Germán, que non se fan executivas porque continúan celebrando sesións plenarias; seguramente o gobernador civil non chegou a tramitar oficialmente as renuncias naqueles días convulsos. De aí que José Germán asine como alcalde accidental as actas dos plenos, aínda que Camilo Díaz, no retrato que lle fai no cárcere do pazo de Raxoi, identifícao como Xermán, o segundo alcalde. Esa posición, xunto coa requisa das armas que ordena o 19 de xullo, é o que aduce o tribunal militar para condenalo a morte. O 3 de decembro será fusilado con outros republicanos de esquerdas. Se non fose alcalde seguramente non sería pasado polas armas, como non o foi ningún outro concelleiro compostelán.

Penso en María Miramontes e Antonia Pardo, esposas de Ánxel e de Camilo, que non sabían dos seus homes desde que os sacaran da cadea, e en Teresa Sánchez á espera do xuízo sumarísimo de José Germán. Sentimentos que derivaron en dramas familiares e en enfermidades irrecuperables entre os muros desas casas da Fonte de Santo Antonio e do Preguntoiro.

Cando a sociedade española decidiu transitar da ditadura á democracia fíxose un silencio intencionado ou, mellor dito, un paréntese sobre aqueles sucesos tremendos. Iso permitiunos aprender, digo ben, aprender a convivir, pero non pode impedir a recuperación da historia e a memoria, non para combater contra o que pensa doutra maneira, senón na procura dunha maior verdade que permita habitar o pasado conxunta e civicamente.